Actualizado en data 25/11/2026

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

CATEGORÍAS RELACIONADAS

[ATU 673] O caldo da serpe curou unha doenza de pel

Cando eu era neno había moita xente xa maior que andaba a pedir polas portas nas aldeas. Algúns pedían un anaco de pan resésego e unha cunca de caldo morno, e pousada na palleira ou incluso na corte do gando.

Daquela, nas casas das aldeas non había luz. A cociñas das casas, moitas veces eran rentes ao chan, cociñas terreas con chan de sábrego pisado, preto da corte do gando...
O caso é que un día chegou por alí un pobre pedindo que lle deran algo de comer.

Aquel pobre tiña a pel toda escarapelada. Daba medo velo. A pobre vella non puidera facer aquel día o caldo, pero díxolle ao pobre que se quería podía darlle algo de comer dun grande pote que tiña encolgado na gramalleira onde lle estaba a cocer a comida para a facenda que tiña na casa (vaca, porcos, galiñas, coellos...) que consistía en cocer nabos, remolacha, patacas pequenas, verzas.....e cunha presa de farelo.

O pobre comeu unha cunca daquela auga con farelo e un par de nabos e patacas pequenas e marchou. Ao cabo de medio ano volveu pola porta e preguntoulle á vella:

—Señora, vostede, qué me deu de comer aquel día cando pasei pola súa porta pedíndolle de comer?

A pobre vella desculpouse:

—Ten que me perdoar, foi sen querer, eu non o sabía... resulta que cando baleirei o pote no caldeiro para llo levar ao gando atopei unha grande serpe cocida na pota do cocido do gando,...debeu caer do tellado porque está rente ao terreo... pidolle desculpas e non me denuncie... por Deu!

—E que hei denunciar, señora! Abenzoada sexa vostede e mais a serpe... Desde que comín aquela cunca de caldo comecei a sandar e agora, como poderá comprobar, estou totalmente san!


Recreación do conto (rememorado en novembro de 2026) escoitado por Manuel (entón un neno menor de 10 anos) en Prados, parroquia de Ribela, concello Coles (Ourense) na década 1950-1960 de boca do seu avó, José, cando este andaba entre os 76 e os 86 anos de idade.

Ver: O lugar dos contos


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: