[ATU 285] A serpe que mamaba nos peitos da muller parida
Naqueles tempos de antes, as casas estaban cheas de buracos nas paredes e moitas delas estaban rente ao chan.
O caso é que unha muller acababa de ter un fillo e despois dun ano de o ter, o neno estaba amerado e non medraba nada. A nai dicía que o neno de día non mamaba moito porque ela de día non tiña moito leite, pero que debía mamar moito de noite mentres ela durmía porque á maña cando espertaba tiña os peitos baleiros.
Foron ao médico co neno e o médico díxolle:
—Esta noite, cando se vaian á cama estorroen un par de presas de serraduras ou de farelo polo chan, preto da cama onde dormen a muller e mais o seu fillo!
Así o fixeron. Ao romper o día espertou a nai e viu polo chan no farelo esparexido o sinal de ter pasado por enriba del unha serpe. Á noite seguinte, o home e pai do neno sentou nunha cadeira á beira da cama e estivo toda a noite ser pegar no sono.
Nun intre da noite viu rebulir algo na cama. Prendeu un mixto para ver que pasaba e viu unha grande serpe a mamar nos peitos da súa muller, mentres o seu fillo estaba a mamar na punta do rabo da serpe.
Recreación do conto (rememorado en novembro de 2026) escoitado por Manuel (entón un neno menor de 10 anos) en Prados, parroquia de Ribela, concello Coles (Ourense) na década 1950-1960 de boca do seu avó, José, cando este andaba entre os 76 e os 86 anos de idade.
Ver: O lugar dos contos






