Fauna
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 079: O poder do asubío
Asubiar non sempre é bo. Conta o P. Sarmiento que os mariñeiros da Coruña e Viveiro asubiaban para atraer ás redes a barbada —entre faneca e sardiña— a mediados do s. XVII. Non di como facían pero si que lle chamaban «silvo grego».
En xeral, está mal visto asubiar. O asubío no mar chama o vento así que só se pode facer cando está calmo e por se for preciso inchar as velas.
Facelo de noite chama polo Demo e en descampado convoca as bruxas que acaban ferindo a quen ouse cun peite de asedar o liño. Parece ser que as bruxas que voan camiño dos aquelarres emiten un asubío que non se sabe de certo se procede da que pilota ou da montura!
Escoitar longos asubíos é agoiro de morte. Tamén asubían cobras, dragóns e basiliscos. Quen escoita un asubío polo oído dereito sabe que andan a falar ben del; se polo esquerdo, mal.
En Contos populares da provincia de Lugo cóntase que uns estudantes quixeron mofarse dun vello aldeán. Preguntáronlle se sabía asubiar, dixo que si e asubiou moi baixiño. Cando lle consultaron por que non asubiaba máis forte, respondeu: Cando as bestas están cerca, abonda así!
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 18 de decembro de 2020.