Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

[Conto] Para quen cantou o cucorrei?

Unha fermosa mañá de primavera, dous rapaces, atravesando un piñeiral, ouviron o ledo canto de cucorrei, e puxéronse a berrar:

—Cucorrei, cantos anos vivirei?

E o cucorrei, que é un paxaro moi cumprido, respondíalles:

—Cucu...cucu...cucu...
E falou un deles, afeito a dar creto a certas supersticións:

—Este paxaro é de moi bo agoiro para min. E inda que ti mo non creas, para min cantou.

E salta o outro, que era aínda mais parvo que o primeiro:

E por que o cucorrei te ha querer a ti máis cá min? E por que, se cantou, cantou para ti?

Foi para min para quen o cucorrei cantou. Dígocho eu que abofellas o sei ben.
—Mentes! O paxaro cantou para min!

—Quen mentes es ti! O cucorrei polo meu ben, non polo teu, cantou.

E como os dous se crían coa razón, e un negáballa ao outro, impuxérona a zucos e labazadas, a así que cansaron de se mallar, e cada quen colleu polo seu camiño, un levaba un ollo feito unha mazá con traxe de loito, e o outro unha man escordada e uns fociños tan grosos, lañados e vermellos que mesmo parecían un xamón encetado.

Pouco despois os dous boxeadores, volveron a atoparse xuntos na cas do médico da vila de preto, a onde tiveron que ir a pór remedio ás súas feridas. Feitas as curas e postas bismas e vendaxes, un deles preguntoullo o médico:

—Canto lle debo?

—Ti, un peso.

—E eu?-averiguou o outro.

—Ti, outro peso. Dous pesos entre os dous, a partes iguales -xustiprezou o galeno.
Un dos contendentes ergueuse en queixas:

—Éche boa! E todo por este cacharolas, que se empeñou en que o cucorrei cantara para el e non para min, como é a verdade.

—A verdade é que foi para min para quen cantou. E senón que nolo diga aquí o señor médico, que destas e doutras cousas, sabe moito máis ca nós.

O médico colleu os dous pesos, que eran de prata, e facéndoos tinguiliar encol do mármore dunha mesa...

—Ai, meu deus, que burricáns nacestes!-dicía cheo de risoñas estrañezas- Estádelo vendo, estádelo ouvindo, e non queredes decatarvos. Para quen cantou! E para quén había de cantar? O cucorrei cantou para min.

[Remitido por Miguel Anxo Mouriño, de Gondomar (Pontevedra), en xuño de 2015. Texto de Victoriano Taibo (1885-1966), contido nun opúsculo manuscrito que el titulou “Contos Pequenos” dedicados a Hixinio, fillo de Antón Beiras e Antía Cal, e escrito na década dos cincuenta do século XX].

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: