Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 093: De fillos ingratos
Un mito universal que se repite por toda a xeografía galega. É relativamente frecuente escoitar relatos que contan como os nosos devanceiros abandonaban no monte ou nun asilo a vellas e vellos para que morresen de fame ou comestos polas feras.
Afortunadamente, estas historias soen conter detalles humanitarios —como ofrecerlles unha manta de abrigo— e culminan cunha decisión civilizada; grazas á estratexia do maior, o fillo ingrato cambia de parecer.
F. Bouza-Brey, que o consideraba un tipo de eutanasia, B. Aparicio e R. Quintía, entre outros investigadores, trataron o tema en profundidade. Poñamos de exemplo este tirado de Contos populares da provincia de Lugo.
A nora veña encirrar no marido, falándolle mal do pai ata que o convence para que o leve ao asilo. Cando ían de camiño, ao faceren unha paradiña para descansar dixo o vello: Como son as cousas! Nesta pedra tamén sentou meu pai cando o levei eu a el!
Entón o fillo entendeu, pensou que o día de mañá tamén el sería tratado así polo seu propio fillo. Non se falou máis. Desandaron o camiño e trataron o vello a corpo de rei ata que morreu.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 9 de xaneiro de 2021.