A meiga espeluxada
Conta unha lenda galega
que alá na Toxiza víana pasar,
unha meiga espeluxada
sobor dunha xesta tentando voar.
Contaba Antón de Xóxaras,
o Gaiteiro de Zoñán,
que el sentíaa de noite
cando de Estelo baixaba
ao rematar de tocar.
Avelino de Porta de Cao,
rapaz novo e axeitado,
todos os días subía
para o lindeiro co gando.
Unha noite non baixou
porque a Marela inchaba
— Non vaia ser que me vaia
e revente a condenada!
dixo o bo do Avelino
sen ninguén preguntar nada.
Alí ficou toda noite,
esperando a madrugada,
a ver que tiña de certo
o da meiga espeluxada.
Aló o raiar do día
Avelino viu pasar
algo que non endelgaba
para poder afirmar,
se aquelo que el ollaba
podía ser unha meiga
ou unha moza sen fogar,
desas que gardan o gando
sen lavar e sen peitear.
Despertou o Avelino
ao sentir o can ladrar
e nunca chegou a saber
se aquelo fora certo
ou se durmindo no monte
tamén se pode soñar.
[Poema da autoría de Suso Uz. Decembro de 2019]
COMENTARIOS ENVIADOS