Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Poéticas do imaxinario

CATEGORÍAS RELACIONADAS

ADUAL: Teño unha casiña branca

Teño unha casiña branca,
dende a fiestra a ría vexo,
vexo a igrexa de San Paio
e mais Betanzos O Vello,
vexo a “Cidade Garela”,
Betanzos dos Cabaleiros.

Teño unha casiña branca
pretiño dunhos loureiros,
alí onde fai o niño,
onde ledo canta un merlo,
canta ó refreixo do sol
desque se vai o inverno.

Na miña casiña branca,
no meu humilde aposento,
teño paz, saúde e amor,
que valen máis que o diñeiro;
con eso teño dabondo.
Estou ledo coma o merlo
que cada mañán escoito,
cando desperto no leito,
o seu canto agarimoso,
o seu cantar feiticeiro.

Na miña casiña branca
vivo soñando desperto:
soño que aínda son mozo
pero, a verdade, vou vello.
¡Que axiña se vai a vida!,
fuxe coa presa do vento
cando zoa nos loureiros
onde xa non canta o merlo.
¡Está triste o paxariño
porque se achega o inverno!

Teño unha casiña branca,
xa non teño máis desexo.
tendo paz, saúde e amor
tópome moi satisfeito.
¿E que máis hei de pedir
se teño todo o que quero?
Se algo máis quixera ter,
sería vivir no ceo.
ADUAL/96

Autor: ADUAL é o seudónimo de Manuel Lauda Arcay (Anceis, Cambre, A Coruña, 1923).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: