Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

POLAFÍA “Proxecto Corgoral. Memorias do Corgo”

Sábado, 24 de setembro, ás 18:00h. na Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo

Unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG en colaboración co Proxecto Corgoral.

Entrada libre até completar aforo.

Colabora: Concello do Corgo

Actividade subvencionada pola área de Cultura da Deputación de Lugo e CEDRO:

+Arquivo da Sección de Literatura de Tradición Oral


POLAFÍA NO CORGO

Este sábado, 24 de setembro, a partir das seis da tarde, o proxecto Polafías que desenvolve a sección de literatura de tradición oral da AELG achégase á Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do concello do Corgo. Reunímonos alí con quen desexe acompañarnos, arredor da palabra, da música e da memoria que fan que a nosa lingua e cultura popular tradicional resistan con dignidade a metralla colonizadora.

 Este proxecto, que naceu para dar visibilidade á creatividade da cultura popular, leva rodando polo país adiante dese o ano 2007. Desde a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e co apoio de institucións públicas, a colaboración de numerosos colectivos e asociación e as intervencións  de varios centos de persoas —narradores, poetas, músicos, historiadores, dinamizadores, activistas culturais…— percorremos o país de norte a sur, de leste a oeste, desde as terras altas ata a beiramar, desde os confíns dos verdes castros ata a costa verdecente.

Derivados das Polafías fóronse desenvolvendo outros proxectos, entre eles os premios anuais Mestra e Mestre da Memoria, obradoiros de narración oral e unidades didácticas que no seu conxunto e co ánimo de achegar este coñecemento a toda a sociedade conforman un valioso arquivo sobre aspectos da nosa cultura como a lingua coas súas variantes lingüísticas, as manifestacións literarias populares, relixiosas e festivas, a historia local de numerosas vilas e parroquias galegas, artes e técnicas tradicionais ou personaxes populares rescatados do anonimato.

Esta Polafía do Corgo fai o número 40 das que se desenvolveron ata o de agora. O tema central da reunión xira arredor do Proxecto Corgoral, unha iniciativa pioneira deste concello que se puxo en marcha en 2020 e coa que se pretende recompilar, arquivar, estudar e dar a coñecer a través de diferentes soportes a rica memoria da cultura atesourada ao longo do tempo pola veciñanza do concello. Dos traballos realizados e dos que están en perspectiva, cuxo responsable é o arqueólogo e antropólogo, Lois Ladra, darase conta detallada.

Tamén tomarán a palabra máis dunha ducia de persoas—desculpen que non citemos todos os nomes— como o Cronista oficial do concello do Corgo, Jesús Abuín, o ceramista, Lolo da Vila, a actriz, Benedicta Sánchez e os responsables de proxectos como o Centro de Estudos do Corgo e os dos colectivos Arumes, A Legua Dereita e Os Cinco Ríos. Acompañárannos para nos transmitir o seu saber e experiencias desde o mundo do asociacionismo cultural, da investigación e a divulgación, a historia local, memorias de vida, artesanía, baile e, entre outros temas, música tradicional, aos que se poden sumar persoas que desde o público asistente  se animen a intervir e deixar a pegada do seu saber nesta Polafía.

Como se fixo en todas as Polafías precedentes, o acto será gravado e unha vez editados as intervencións pasarán a formar parte do arquivo que mantemos a libre disposición na web da AELG (aelg.gal/Polafias) para quen desexe ver e escoitar os máis dun milleiro de vídeos que contan por millóns as reproducións. Vémonos no Corgo!

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 19 de setembro de 2022

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: