Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Muller que sabe latín, non serve para min

Aprópiome con sa intención do título do relatorio de Estefanía A. Lodeiro co  ánimo de provocar algunha curiosidade polo que se poida dicir máis abaixo. Supoño que de non ser así, se ao lelo non provoca en vostede un “a ver de que vai isto” nada conseguín, así que xa o despido co ánimo avariado, remoendo o erro estratéxico.

En caso de que decida seguir adiante coa lectura, cóntolle xa que o sábado, 27 de outubro, organizada pola AELG, coa colaboración da AS-PG e o patrocinio da Deputación de Lugo, vai ter lugar a XI Xornada de Literatura Oral para tratar un tema urxente, quizais inaprazable: O rol da muller na literatura de tradición oral.

Pola mañá falará Camiño Noia, catedrática emérita especializada en literatura de tradición oral. Disertará sobre a imaxe arquetípica da muller que a cultura tradicional galega nos transmite baixo o título “A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas”. 

A seguir tratarase sobre o papel que lle reserva á muller unha sociedade tradicional como a nosa no tan socorrido e citado (case sempre como verdade irrefutable) refraneiro popular. A pregunta que vai responder a avogada Estefanía A. Lodeiro é se a muller real é, en realidade, como se retrata nas sentenzas paremiolóxicas ou se eses ditos son ditados desde a forma de pensar preponderante; ou sexa, a do home.

Ambas relatoras cotexarán pareceres entre elas e cos das persoas asistentes nun faladoiro compartido sobre se a muller imaxinaria (a do conto, lenda ou refraneiro)  e a muller de carne e óso son cara e cruz, ou non, da mesma moeda.

O programa da tarde tampouco os deixará indiferentes. Anxos Sumai, bliotecaria e documentalista do Consello da Cultura Galega, tamén escritora e investigadora, autora de numerosos títulos, tratará das meigas e do seu papel, máis alá da súa inxusta demonización e do rexeitamento social, de mulleres que procuraban o benestar do corpo doente e non a perdición das almas das persoas.

A continuación, unha investigadora aínda moza, Faia Díaz Novo, parte do grupo de traballo “Mulleres e Wolframio”, recreará, desde a música e a literatura xerada polas mulleres que participaron activamente no negocio do volframio durante o transcurso da segunda guerra mundial, a súa memoria. Veremos como unha materia prima cotizada para fabricar armamento tamén deu de comer durante uns anos a moitas bocas en extensas comarcas da nosa xeografía. Ambas relatoras, en mesa redonda e con participación da asistencia, debaterán sobre ese papel negativo asignado “por tradición” ás mulleres das clases máis desfavorecidas.

O peche está reservado a outras dúas mozas, Alba María e Lupe Blanco, ambas regueifeiras, cualificadas artistas da arte de improvisar que seguen os pasos da pioneira de que se ten memoria aló polos principios do s. XX, Leonarda de Tallo. Alba e Lupe desafían non só ao xénero masculino, os tradicionais protagonistas destas disputas dialécticas, senón que o fan desde unha posición crítica e reivindicativa.

É hora de revisar o papel tradicional da muller na nosa sociedade. A nosa literatura popular reflicte aínda moitos síntomas dun machismo enquistado. Axudemos a extirpalo!

© Antonio Reigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: