Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Galicia desaparecida

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lendas da Cova da Furada dos Cas

Foi a primeira cova excavada en Galicia con metodoloxía científica alá polo ano 1867, con achados documentados e publicados (ósos e ferramentas líticas) polo eminente historiador, arquiveiro e arqueólogo, José Villaamil

A cova e xacemento arqueolóxico1 catalogado coa denominación Cova Furada dos Cas2 localízase na parroquia de Vilamor do concello de Mondoñedo, ao leste do lugar de Guillade e próxima aos lindes entre os concellos de Mondoñedo e de Lourenzá.

Atópase no Monte da Trinidade, outeiro practicamente desaparecido como consecuencia da extracción masiva de pedra caliza. Canda o monte e a pedra, tamén desapareceu, a pesar de estar catalogado e teoricamente protexido, o castro coñecido como Castro da Trinidade.

En El Arte en España3, revista mensual de arte e historia, publica J. Villaamil unha carta dirixida ao seu director, Gregorio Cruzada Villaamil, datada en Mondoñedo o 2 de xullo de 1870, na que dá entusiasta conta dos seus descubrimentos na que el chama Cova Osuaria. Villaamil, que describe con detalle as escavacións que practica e o que atopan, fai mención da existencia doutra cavidade no mesmo monte que noutro tempo, segundo tradición, se debía comunicar coa Furada dos Cas. Mais esoutra cova na actualidade tampouco existe.

Villa-amil y Castro, J. Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, Lugo, 1873.

Villa-amil y Castro, J. Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, Lugo, 1873.

Descrición de Villaamil

Máis alá da relación de achados e das especulacións sobre etimoloxías, usos e posible ocupación humana do lugar, incluída unha suposta morada rexia, Villaamil aporta unha formidable descrición detallada da cavidade. A Furada dos Cas ten a entrada, estreita pero non incómoda, pola aba occidental, a dos tercios de altura do monte. Para acceder ao interior hai que baixar catro metros. O interior semella un calexón case recto descendente e en dirección O. duns 17 m. de longo, de anchura (de 1 a 3 m.) e altura (de 2 a 6 m.) variables. “Caprichosas estalactitas tapizaban las paredes y parte del techo“, “y se terminaba bruscamente la cueva por un corte casi vertical de la peña“.

Folklore. Túnel e cidade asolagada

Dise que esta cova se comunica soterraneamente por un túnel co Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.

O propio Villaamil, logo foi reproducido por L. Monteagudo4, fai referencia á “Gran cidade de Reiriz”, que estaría situada no campo do mesmo nome a carón do Monte Serrapio (Sarrapio ou Serapio) en Mondoñedo, que sería afundida rapidamente por un “mágico”. Moi ousado sería indagar pola nosa parte sobre o significado do topónimo Serrapio mais algúns expertos considérano hidrotopónimo, quizais prerromano, en refencia á existencia dun manancial de auga, desbotando en todo caso a opinión de Villaamil sobre a súa relación co deus exipcio Serapeion5.

Nalgúns documentos relativos a obras que se realizaron en diferentes lugares do concello de Mondoñedo faise mención a materiais procedentes das canteiras de Reiriz (caso da Fonte Nova que houbo no centro de Mondoñedo ou da igrexa parroquial de Lindín6) o que nos fai pensar que Reiriz (nome de orixe xermánica de antigo posesor) puido ser o antigo topónimo que sería suplantado polo de Monte da Trinidade por ter existido naquel monte unha capela entre os ss. XVI e XIX con esta advocación.

1 Vigo García, A. «Xacementos do concello de Mondoñedo”. BMPLugo, XI, 2003-2004.

2 Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mondoñedo (PXOM): Catálogo de Bens Culturais, naturais e paisaxísticos, 2016.

3 Villa-amil y Castro, J. «Antigüedades prehistóricas de Galicia», en El Arte en España, 1869.

4 Monteagodo, L. «Palafitos, problemas y leyendas», en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, tomo III, 1957.

5 Villa-amil y Castro, J. Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, Lugo, 1873.

6 García Doural, A., Miscelánea Mindoniense (blog) “A Furada dos Cas” (14 de xuño de 2009) e “La ermita de la Trinidad de Vilamor” (20 de xuño de 2015).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: