Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Galicia desaparecida

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Fontiña do Pasatempo

Remexendo nas hemerotecas dixitais atopo unha curiosa variante da lenda que narra a retención da esposa do mariscal Pardo de Cela cando regresaba co perdón real que evitaría a execución do seu esposo na Praza Maior de Mondoñedo.

Na versión popular máis coñecida cóntase que o suceso tivo lugar o 17 de decembro de 1483 no barrio dos Muíños, Ponte de Ruzos, sobre o río Valiñadares. Alí uns enviados do bispo, talvez cóengos, entreteñen a Isabel de Castro o tempo suficiente para que o indulto non chegue a destino antes de decapitar ao seu marido, o mítico Pedro Pardo de Cela. A recente descuberta do seu testamento adiantaría a data da súa execución ao 3 de outubro do mesmo ano.

O luns, 8 de outubro de 1906, Telmo de Castro asinaba un artigo en El Pais, páxina 4, sección Cuentos de ‘El País’, co título “La fuente del crimen”. Conta en primeira persoa como en certa ocasión, baixando de a cabalo de Lindín a Mondoñedo e esgarecendo coa sede, pregunta por unha fonte. O guía que o acompañaba díxolle que estaban a poucos pasos dunha, chamada Fontiña do Pasatempo. A curiosidade do viaxeiro polo nome da fonte, e tamén a urxencia de matar a sede fixeron o resto.

En chegando á fonte, á fresca sombra de copudos castiñeiros, despois de beberen homes e cabalos, o guía narroulle con detalle o que alí sucedera.

Púxoo en antecedentes sobre a rebelión dos Irmandiños, dos que considera cabeza a Pardo de Cela, contra o poder opresor dos Reis Católicos. Vencido e preso o mariscal, grazas á traizón dos seus é conducido a Mondoñedo. Mentres o proceso se dilata, a súa muller, que aquí se chama Teodomira, vai pedir clemencia á corte castelá. Conseguido o perdón, regresa a Mondoñedo co seu séquito, “ao amencer dun día nebuloso e triste”.

Mentres, todo Mondoñedo está cercado por soldados. Na praza xa está listo o “fatídico tablado” con un tallo listo para unha decapitación, o que era indicativo de que o reo era un gran señor pois do contrario sería aforcado como era costume.

Segundo o relato, coinciden no tempo a saída do cortexo co aposto mariscal camiño do taboado e no alto de Lindín a lucida cohorte que acompañaba a Teodomira. Alguén arría unha bandeira negra nunha das torres da catedral.

Ao decatarse da chegada da dama, unha avanzada de vinte xinetes sáelle ao camiño, coincidindo ambas comitivas xunto á fonte. A dama, que voaba “sobre unha egua de finos remos e xigantesca alzada”, vese obrigada a deterse pois o que manda a cabalaría así llo ordena. Cóntalle que xa chega tarde, que a cabeza do seu home xa está separada do corpo, e aínda lle aconsella que se afaste en dirección á fortaleza do Valadouro para non darlle o gusto aos seus inimigos de vela chorar.

Teodomira desmaiase pero axiña que se repón decide ir a Mondoñedo e abrazar o corpo do seu marido. E alí, diante a autoridade sagrada, enténdase o bispo, di: “A traizón vencéstelo e a traizón matástelo; que non vos perdoe Deus ata que eu vos perdoe”.

Se cadra esa Fontiña do Pasatempo aínda existe e vén sendo a que hai, calzada abaixo, deixando atrás a casa do Castellano de Lindín.

El Pais (1887-1921) foi un xornal popular, moi lido e difundido. Anticlerical, órgano do Partido Republicano Progresista, dirixido nalgunha época por Lerroux e no que colaboraron, entre outros, Azorín, Curros, Valle Inclán, Baroja, Unamuno, Blasco Ibáñez, Galdós, Machado, Ortega e Rubén Darío.

© Antonio Reigosa

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Bem interessante. Suponho que o de Teodomira tem a ver com o romance da Frouseira "A mim chamam Todomira"...

Enviado por LuisFoz o 18/03/2019 ás 12:20:37


Enviar comentario a este artigo: