Galicia desaparecida
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Alcaián
Onde hoxe chaman Braña Rubia, en Seavia, Coristanco (A Coruña) houbo unha vila chamada Alcaián ou Alcaán. Agora está asolagada nun pozo moi fondo a unha profundidade de sete adivais. Cóntase que se asulagou cando Xesús Cristo e San Pedro andaban polo mundo de esmoleiros. Pediron pousada en moitas casas da vila de Alcaián e en ningunha llela quixeran dar. Mesmo lles encirraron os cans. Entón Xesús Cristo dixo:
Adeus, vila de Alcaián
que me encirraches os cans.
Afundiraste
e nunca arriba volverás.
Outros opinan que o que dixo Xesús Cristo foi isto:
Afúndete vila e érguete can,
Hoxe es vila e mañá serás braña.
Tamén hai a opinión de que a causa do afundimento foi que un día o santo de Alcaián aborreceuse con todos os veciños e dixo:
Pobo de Alcaián,
antes eras vila
e agora queres ser brañal.
E afundiuse Alcaián, e os que se poñan enriba de onde estaba tamén se van ao fondo. Algunhas veces os veciños de Salgueiras e os de Mira escoitan tocar as campás, ladrar os cans e cantar os galos ás doce da noite de Noiteboa ou o día de San Xoán.
BIBLIOGRAFÍA
COMENTARIOS ENVIADOS