Andel de Marabillas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Teoría de febreiro
Febreiro é mes frío e pernicurto. Foi o último do ano desde o 715 —que é cando se inventou— ao 45 a. d. C. Coa reforma do calendario xuliano pasou a ser oficialmente o segundo mes do ano aínda que, na práctica e en case toda Europa, seguiu sendo o último ata o século XVI.
O nome pode derivar de Februa —nai do deus Marte—, ou do Februo ou Febrio — nome antigo de Plutón, o Hades grego—. Porén, Ovidio dinos nos seus Fastos que Numa Pompilio chama febreiro a este mes porque se practicaban ritos de purificación chamados februaou.
Februo é o nome dun deus dos mortos ao que se lle dedicaba un festival a mediados deste mes para que tratara con consideración as almas dos devanceiros. Februa era o nome das festas de purificación que se facían en Roma neste mes cada cinco anos, e incluso se chamaban así algúns elementos que se usaban nestes festivais para purificarse. Incluso pode derivar de Februum, nome das tiras de pel coas que os mozos romanos sacudían as mulleres nas Lupercalia.
As Lupercalia facíanse entre os días 13 (idus) e 21 ou 22 de febreiro, que era cando crían os romanos que as almas dos mortos volvían entre os vivos polo que se suspendían todas as actividades para permitir a libre circulación dos espíritos. As familias aristocráticas usaban máscaras de cera feitas co molde facial —unha posible orixe do Entroido— dos seus devanceiros. Os lupercos —sacerdotes mozos—, sacrificaban un can e un macho cabrío, untábanse co seu sangue e espidos perseguían as mulleres —intérpretese como rito de fecundación— con látegos feitos da pel do cabrón sacrificado.
No mundo céltico, tras o inverno infértil e sombrío, o tempo da vella deusa, sabia ou bruxa, Cailleach Bhéirre, vén o período fértil da luz e do cambio de ciclo que representa Brìde ou Brigit, divindade doncela ou moza, a Elixida que protagonizaba a festa de Imbolc, protectora da poesía, da creación e da curación…. Nas honras a Brigit, precedente da cristiá Bríxida, practicábanse ritos de purificación e recollemento que están na orixe dos actuais arredor de Santa Brixida e da Candelaria. Por exemplo, as velas que se bendicen o día da Candelaria serven ao poñerllas entre as mans aos moribundos para acompañar a agonía e para que as nais poidan ver no Limbo os fillos mortos antes do bautizo.
Festas como estas celebrábanse na Grecia antiga os días 11, 12 e 13 do mes de Antesterión —febreiro— en honor a Dionisos. Así, en Grecia, Roma e o mundo céltico era mes dedicado aos mortos e, por iso, temido. Dise que quedou con menos días para non expornos demais aos espíritos do inframundo.
Aínda non hai moito contábase esta historia sobre o pánico que provoca. No último dos seus días disque di a vella fachendosa ao ver que o seu gando sobrevive ao mes: Vaite, febreiriño corto, cos teus días vinte e oito, que se tiveses máis catro, non deixabas can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos ao carneiro, nin orellas ao pegureiro. Vaite, febreiro, que o meu rabaño queda enteiro!
Máis febreiro, á escoita, contesta: Cala, que aí vén meu irmán marzo, que dos oito becerros, hache deixar catro!
© Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 6 de febreiro de 2023