Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 086: Coutar o ano

Un rito que xa desapareceu da memoria da xente era o de «coutar o ano». Para contarlles como se facía extractamos o que nos contaba nun artigo en prensa en 2001 a escritora Helena Villar Janeiro, un caso concreto que se facía nunha casa do Letrún, en Becerreá, aló polo primeiro cuarto do s. XX.

A cerimonia tiña lugar tras a cea, ás doce en punto da Noitevella e nela participaba toda a familia. O practicante era o señor Alexandro, un viúvo cunha morea de fillas e fillos. O lugar, dentro da casa, a carón das táboas que dividían a parede do cuarto principal. Situábanse a un lado o oficiante e ao outro, a prole.

O patrón usaba a cota dun machado para golpear as táboas. Tras o primeiro golpe, dicía: Vou coutar o ano! E o coro respondía: Vai coutar o ano! A continuación comezaba unha ladaíña que duraba o tempo necesario para conxurar todos os males previsibles que se querían evitar no ano entrante: Couto aos ladróns! Ao que o coro de voces respondía: Couta aos ladróns!

Couto estafadores, pestes, pragas, doenzas… e así ata que se consideraba protexido o fogar de todo mal.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 30 de decembro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: