Alén, Máis Alá
CATEGORÍAS RELACIONADAS
[Conto Tipo 471 A] Ero e o paxariño
Era un matrimonio que non tiña fillos a pesar do moito que lle rogaban á Virxe para que lles axudase a ter descendencia. Unha vez a Virxe fíxolles caso, aparecéuselles en soños e anuncioulles que en vez de ter fillos debían fundar cadanseu convento; o home un de frades e a muller outro de freiras.
Cumpriron o mandado; o home, de nome Ero, fundou o mosteiro de Armenteira, e a muller o de Frairas. Ero, que fora home de armas, fillo de familia fidalga con pazo e todo, arredouse da vida mundana e fíxose frade. E en seguida foi nomeado abade do mosteiro que fundara. E desde que escoitou falar das marabillas do Paraíso volveu a teimar coa Virxe para que llo amosase.
E un día pola hora do serán saíu dar un paseo pola horta do mosteiro, na aba do monte Castrove. Cando lle pareceu sentou a descansar a carón dunha fonte que estaba baixo a sombra dun carballo. Nunha das pólas comezou a cantar un paxariño. Ero quedou un anaco escoitando o son do gurgullo da fonte e o rechouchío do paxaro, e cando o paxaro deixou de cantar tomou o camiño de regreso para o convento.
Cando lle deu vista non daba creto ó que vía. O que antes era a fachada modesta do mosteiro que el fundara, agora era un grande pórtico, maxestoso. Cando chegou ó portalón da entrada, os monxes non o recoñecían, nin Ero a eles.
—Quen sodes? Onde está o meu mosteiro? —preguntoulles.
—Quen é vostede?—responderon eles ante aquel vello barbado, vestido con roupas xa en desuso.
—Son Ero, o abade.
—Quen?
Ero explicou o que pasara:
—Saín ó serán de paseo, sentei na horta cabo a fonte que está á sombra dun carballo e só me entretiven un momento escoitando o cantar dun paxariño. Eu son o abade deste convento pero vós non sodes os frades que deixei.
Entón os monxes, polo si ou polo non, revisaron os vellos documentos e deron co nome dun abade chamado Ero e que, efectivamente, gobernara aquel convento había máis de trescentos anos. Axiña comprenderon o milagre. O que para o abade Ero era apenas un intre deixándose arrolar polo rechouchío dun paxaro, despois de botadas as contas sumaba trescentos anos dos mortais.
Din que Ero morreu case ó momento e que a súa alma foi parar ó mesmo lugar do que era adianto o cantar do paxariño que escoitara.
Ilustración de fERNANDO L. JUÁREZ
Notas
Podemos catalogar esta narración como lenda, se atendemos á súa localización xeográfica concreta, posto que a historia é a explicación á orixe do santuario de Santa María de Armenteria, Meis, (Pontevedra), fundado no século XII, e da estancia prodixiosa do seu fundador, Ero Armentariz, nada menos ca no Paraíso. Pero tamén podemos clasificala como conto xa que os motivos están tipificados como 471 A no catálogo de AARNE e THOMPSON, o mesmo ca en J. CAMARENA e M. CHEVALIER, Catálogo tipológico del cuento folklórico español. Cuentos maravillosos, Gredos, Madrid. Entre as versións máis recentes citamos a de VITOR VAQUEIRO, Guía da Galiza máxica, Galaxia, Vigo, 1998, páx. 343-347; LEANDRO CARRÉ ALVARELLOS, Las leyendas tradicionales gallegas, Espasa-Calpe, Madrid, 1983, “San Ero de Armenteira y el Paraíso”, páx. 98-99; A. FRAGUAS FRAGUAS, Romarías e Santuarios, Galaxia, Vigo, 1988. Para non facer demasiado extensas estas notas remitimos ó lector a textos que lle han de aportar grandes luces sobre a literatura ó redor das frecuentes visións do Paraíso por toda Europa e moi especialmente na Idade Media; así poden consultar MANUEL C. DÍAZ Y DÍAZ en Visiones del más allá en Galicia durante la Alta Edad Media, Bibliofilos Gallegos, Biblioteca de Galicia, XXIV, Santiago de Compostela, 1985, onde recomendamos a lectura do capítulo IV que fala do monxe galego Trezenzonio e da súa viaxe desde a Torre de Hércules ata a gran illa de Solistición; e sobre todo o aínda vixente e magnífico ensaio de J. FILGUEIRA VALVERDE, Tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval, Edicións Xerais, Vigo, 1982, onde se dá cumprida información sobre os precedentes, pervivencia, difusión, semellanzas e localización do tema da lenda do monxe e o paxariño e da chamada “literatura de visións”. Por certo, este relato é de orixe oriental, coñécese entre os árabes e tódalas culturas europeas conservan relatos parecidos. Aparece publicado por primeira vez en galego na cantiga CIII, Cantigas de Santa María, de Alfonso X, O Sabio. Véxanse as notas e o conto desta mesma colección titulado “Santo Amaro na illa do Paraíso”. Véxase asímesmo a entrada “Paraíso” do Diccionario dos seres míticos galegos de X. CUBA, X. MIRANDA e A. REIGOSA, Edicións Xerais, Vigo, 1999.
BIBLIOGRAFÍA