Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O home santo que colga o abrigo na “vara do sol” [AT 759 B: The Holy Man Has Own Mas]

@Antonio Reigosa

_________ Álvaro Cunqueiro, sempre tan rendido á fantasía, escribe nun dos artigos da serie “Retratos y paisajes”, publicado o 26 de abril de 1955 baixo o título “M. de Sauserre viaja a los Alpes”, o seguinte: Suponed que M. de Saussure, cargado con toda la filosofía de la Ilustración, calvinista moderado, se tropieza en uno de sus catorce viajes a los Alpes con San Goar, el ermitaño humilde que colgaba de un rayo de sol la pesada capa invernal y con su cayado apartaba la nieve ante su ermita para que las flores se apresurasen. Este san Goar, de orixe aquitana, fíxose presbítero e ermitán non lonxe da cidade de Tréveris aló polo século V-VI d. C. Din os seus haxiógrafos que era un home casto e fermoso de rostro, capaz de curar doentes facendo sobre o seus corpos o sinal da cruz. Os seus inimigos acusárono de mago e de lambón, e desas envexas tivo que dar contas ata demostrar, pendurando milagrosamente a súa capa nun raio de sol, que era máis puro que o bispo que pretendía xulgalo e condenalo. Doutro santo da mesma época, de nome Deicolus (Deicola, Dichuill, Desle, Diey), irlandés de nación, discípulo de San Columbanus, tamén eremita nos derradeiros anos da súa vida, dise o mesmo, que foi quen de colgar o seu hábito nun raio de sol. E o mesmo se conta de San Lucano (Lugano?), outro ermitán, o “Apóstolo dos Dolomitas”, que foi bispo de Sabiona e, coma os santos anteriores, foi acusado de graves pecados, ata que diante do papa Celestino I obrou o prodixio de colgar a súa capa nun raio de sol. A santa irlandesa, Bríxida de Kildare (453-523), a que podía converter a auga en cervexa e muxir a súa vaca as veces que fixese falta sen que lle secase o leite, tamén tivo unha experiencia moi parecida. Un día que estaba coas ovellas no monte presentouse unha treboada que a puxo pingando. En canto escampou, sacou a roupa e secouna estendéndoa sobre un raio de sol.

O motivo en Galicia: O Tecelán de Carballás

Sen embargo, a primeira noticia que tiven eu dun prodixio desta natureza sucedeu na nosa terra, en Cerdedo. Cóntao Calros Solla en “Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo” (2005) cando fala d’O Tecelán de Carballás, un vedoiro que está enterrado na Mámoa Ghrande de Chan de Mamas, no Monte do Seixo. No inverno de 2007 confirmounos a mesma historia Manuela de Barro con ocasión de celebrarmos nese concello unha polafía. Díxonos Manuela que este home, do que hai memoria en todo o concello de Cerdedo e máis aló, era un devanceiro da súa familia, natural da aldea de Carballás, e que tivo e ten, sen chegar á categoría de santo ou de beato, grande sona. O Tecelán anunciou a fin do mundo, un tempo, dixo, no que habería coches sen cabalos, no que a xente andaría polo aire, e no que todo o territorio estaría cruzado de camiños e estradas. Cando visitaba algunha casa da contorna só sentaba no seu bastón, que apoiaba de escano a escano. Pero o que máis admiraba a Manuela de Barro cando nena das memorias que lle contaban deste Tecelán de Carballás era que cando chegaba a unha casa, quitaba a capa e suspendíaa no raio de sol que entrase por calquera bufardo. O antropólogo Rafa Quintía no seu "Deuses, mitos e ritos do Monte do Seixo" opina que O Tecelán ben puido ser un druída, un sacerdote especializado en interpretar os oráculos.

O relato nos catálogos tipolóxicos do conto popular

Camiño Noia no seu “Catálogo tipóloxico do conto galego de tradición oral” inclúe dous contos, os correspondentes aos tipos 759 B e 827 nos que aparece o mesmo motivo. No primeiro deles “O home santo ten a súa misa”, rexistrado en Arbo (Pontevedra) cóntase dun pastor pobre que vivía illado no monte e que, a pesar de ser crente, nunca ía á misa. O cura quixo reprendelo, máis ao observar como era quen de colgar o seu mísero abrigo nun raio de sol, recoñeceu que era máis puro ca el. No outro conto “Un home piadoso que non sabía rezar”, rexistrado en Lubián (Zamora), o protagonista é un vaqueiro algo paspán ao que Deus concede favores, entre eles colgar o capote “nunha flanxa de sol”. No “Catálogo tipológico del cuento folklórico español. Cuentos religiosos” de J. Camarena e M. Chevalier (tipo 759 B) vén referencia dunha versión asturiana, outra vasca, outra andaluza e outra portuguesa, pero ningunha galega.

Outra versión galega

Hai uns poucos días tivemos noticia doutra historia moi parecida. Chégame de Ponteceso, ao norte da Costa da Morte. Trátase dun conto recreado por Matilde Castro García, de Limiñoa, para o proxecto de recompilación de literatura de tradición oral que leva por título Ponte na fala. Conta Matilde que había un crego vello que durmía cada noite por mor do frío na compaña de dúas mulleres, unha criada e unha sobriña. Como nunca falta quen turbe a paz das boas xentes, houbo quen deu parte del ao papa, e o Sumo Pontífice chamou ao crego para pedirlle contas.

—É verdade que vostede dorme con dúas mulleres?

—É, pero élle por mor do frío, que xa ve que vou velliño.

—Pois non pode dicir misa!

—Pois se non podo dicila non a direi, pero é que se non durmo con elas paso moito frío polas noites.

O papa non deu o seu brazo a torcer. Que se estaba en pecado, que se non era digno de ser o representante de Deus…

—Santidade! —díxolle o crego— Imos facer unha proba, a ver cal dos dous está máis limpo de pecado.

E vaise o creguiño e en vendo que entraba pola ventá unha “vara de sol”, quitou a sotana e colgouna alí sen que caese. E a seguir pediulle ao papa que fíxese o mesmo, pero o Santo Padre, por moitas veces que o intentou, non foi quen de pendurar o seu uniforme naquela “vara do sol”. E así foi como aquel crego puido seguir dicindo misa e mais seguir durmindo cada noite con dúas mulleres. Por mor do frío, xaora!

__________ Ilustracións

-San Goar

-Santa Bríxida

-O Tecelán de Carballás. obra do pintor Francisco Sutil, reproducida no libro Deuses, ritos e mitos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica de R. Quintía.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Con mucha emoción leo con mi gallego rústico este interesante artículo artículo. Y a través de ésta página viajo imaginariamente hasta Barro de Aren, y Manuela de Barro con su voz trae los recuerdos de mi abuelo José Francisco Cortizo, cuyas raíces ha dejado aquí en SAN RAFAEL, PROVINCIA DE MENDOZA. Cuna de inmigrantes gallegos. Un abrazo a todos.


Enviado por Diana María Bárcia Cortizo o 03/11/2012 ás 22:16:03


Enviar comentario a este artigo: