[Conto Tipo 2030 B]O conto do galo Quirico que quería ir á voda do tío Perico
Este conto que vos vou contar vai do galo máis festeiro de todo o galiñeiro. Éche o conto do galo Quirico que ía para a voda do tío Perico.
Chegouche o día da voda e o noso galo ergueuse moi cedo. Lavouse, arranxou as plumas... ¡púxose como nunca se puxera! ¡Todo elegante! ¡Daba gusto velo! Pouco a pouco foise indo pola corredoira que levaba á casa do seu tío Perico.
Cando xa levaba un bo cacho andado viu de súpeto, xusto no medio da corredoira, unha gran bosta de vaca cun verme color rosa enriba. ¡Que delicia! ¡Que apetitoso! E entón chega a dúbida:
—¿Pico ou non pico? Se pico vou enlixa-lo pico, e non vou poder ir á voda do tío Perico. Pero se non pico, coa fame que teño non vou dar chegado á casa do tío Perico.
Despois de moitas dúbidas non puido resisti-la tentación e picou. ¡Vaia se picou,que todo o peteiro emporcou! E claro, agora máis dúbidas:
—¿Que vou facer co peteiro como o teño? Así non podo chegar á casa do tío Perico.
Todo preocupado, cheo de pena e co peteiro cheo de bosta, foi indo ata que chegou a un prado e alí viu á herba. Ó vela, o galo ocorréuselle unha idea:
—¡Herba, herbiña, límpame o pico que vou para a voda do meu tío Perico!
—Limpo, limpo, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
Nisto que a herba se pon a berrar:
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
Tanto berrou que o Vermiño que tragara o galo Quirico oíuno.
—¡Estou aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai, si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro! —dixo, toda enfadada, a herba.
O galo seguiu o seu camiño ata que topou cunha ovella.
—¡Ovella! ¡Ovelliña! Come a herba que non me quixo limpa-lo pico para ir á voda do tío Perico.
—Como, como, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
Despois de atravesa-lo prado onde estaba a ovella entrou nun bosque. Alí atopou un lobo.
—¡Lobo! ¡Lobiño! Come á ovella, que non quere come-la herba, que non me quixo limpa-lo pico para ir á voda do tío Perico.
—Como, como, pero antes tes que dicirme onde está vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
O galo seguiu o seu camiño, cada vez máis cabreado, ata que atopou cun gran pau.
—¡Pau! ¡Pauiño! Pégalle ó lobo, que non quere come-la ovella, que non quere come-la herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Pego, pego, pero antes tes que dicirme onde está vermiño.
—Non sei, eu non sei.
——¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
—¡Que pau máis retorcido! ¡Máis que pau es un garabullo! —díxolle o galo antes de seguir co seu camiño.
Seguiu andando ata que topou cunha gran fogueira.
—¡Lume! ¡Lumiño! Queima o pau, que non quere pegar ó lobo, que non quere come-la ovella, que non quere come-la herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Queimo, queimo, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
Seguiu andando ata que chegou á ponte da aldea.
—¡Río! ¡Riíño! Apaga o lume que non quere queima-lo pau, que non quere pegar ó lobo, que non quere come-la ovella, que non quere come-la herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Apago, apago, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
Cada vez máis preocupado atravesou o río e seguiu pola beira ata que topou cun burro.
—¡Burro! ¡Burriño! Bebe a auga do río que non quere apaga-lo lume, que non quere queima-lo pau, que non quere pegar ó lobo, que non quere come-la ovella, que non quere come-la herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Bebo, bebo, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
—¿Con quen estaba o galo Quirico?
—Co burro.
—¡Pois érguelle o rabo e bícalle o cu!
Ó burro tan mal lle pareceu que lle dixeran mentiras que un couce lle remangou. O galo foi escorregando pola beira enchéndose de lama ata que foi parar ó río. De alí saíu todo mollado e enlamado.
E como ben supoñeredes, ás vodas non van os galos mollados e moito menos enlamados.
E aquí remata o conto do galo Quirico que quería ir á voda do seu tío Perico.
E primeiro por larpeiro... e despois por mentireiro non chegou ó bacieiro.
[Recompilado en Sego, Artes, Ribeira (A Coruña), por Manuel Axeitos Pérez, residente na Pobra do Caramiñal (A Coruña)]
COMENTARIOS ENVIADOS
estou procurando versións deste conto para pasarlles ao meu alumnado. Esta gústame moitísimo, mais o final está cortado. Agradeceríavos moito se ma puidésedes enviar enteira. O meu correo é iria.sobrino@udc.gal.
Moitísimas grazas e parabéns polo traballo,
Iria
Saúdos