Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Xan Canitrote

«En Santiago, os estudiantes, os [fillos] dos ricos, os vagos que lles daban tódalas posibilidades; hoxe aínda vai calquera que basta que teña un pouco de cabeza pero daquela era totalmente imposible.

Entonces non lles deixaban andar de noite. Había un municipal que lle decían o Xan Canitrote que se metía moito con eles. Eles [os estudiantes] collérono e emborrachárono. Puñérono borracho perdido hasta que adormeceu e anduveron paseando con el na Herradura. Entonces no convento aquel que hai enfrente foron e, así que o tiñan borracho, levárono alí e deixárono quedar, e vestírono de franciscano.

Tocaron a campana. Entonces os frailes saliron e viron aquel hermano alí e collérono, metérono pa dentro pero el non falaba. Pero, entonces, así que viron que o meteron pa dentro os estudiantes paseábanse pola Herradura e ós frailes deulles mala escama; ademais ulíalles a alcohol. E dixéronlle:

—¿Usté de que convento é ou a que orden pertenece?

Así que deu en falar; el despertou e veuse vestido de fraile e dixo:

—Vaian á casa da tía Sabela e pregunten se está alí seu home. Se está alí o seu home, leve o demo se sei quen son; se non está alí o seu home, son o Xan Canitrote».


Transcrición literal do contado polo informante Constante Villamel (73 anos), Terraxís, Moncelos. 29 de outubro de 1992. Publicado en: Carnero, O., Cuba X. R., Reigosa, A., Salvador, M. (2004): Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, Deputación Provincial de Lugo, páx. 109.


Nota

Entre as versións literarias aparece a mesma historia en As mil e unha noites. No ámbito Galego hai outra de V. Lamas Carbajal en O Tío Marcos da Portela, 20 de abril de 1884, logo reproducida en Gallegadas, tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña, 1887.

Luis Bouza Trillo de Figueroa (1869-1941), pai de Fermín Bouza-Brey, publicou un relato en galego titulado “Xan Canitrote” o 31 de maio de 1896 na revista La Estrella Galaica (semanario editada en Santiago e dedicada á muller que durou pouco tempo). Recrea a historia dun home borracho que acaba por accidente nun convento de frades e é moi parecida á que nos contou Constante Villamel en Abadín en 1992 (Brañegos 2004:  109). A principal diferencia é que Bouza Trillo di que o protagonista era zapateiro en Ourense e o informante de Abadín que era garda municipal en Santiago de Compostela.

O nome de Xan Canitrote tamén aparece nunha versión, case idéntica á nosa, de M. Vidal Rodríguez en Deixe que xa...Cuentos y novelas cortas de asunto gallego,  Santiago, 1931.

En (Brañegos 2004:  109) asignámoslle provisionalmente o novo tipo 835 B creado por González Sanz, Catálogo tipológico de cuentos folclóricos aragoneses, 1996, pp. 99-100,  aínda que eeste mesmo auto en  Cuentos burgaleses 2002, a contos semellantes (nº 180 e nº 181) asígnalles o tipo 1406.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: