Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O home, os animais e a duración da vida

O home ten catro idades: de neno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro e de vello, can.

Este refrán e outros semellantes, con moi poucas variantes, constitúen unha versión concentrada dun antigo conto de difusión universal que trata do reparto dos anos de vida entre o home e algúns animais.
Nunha polafía organizada pola sección de Literatura de Tradición Oral da AELG en Moaña no outono de 2010, Pepe, “O Caramuxo”, sorprendeunos con unha fermosísima versión dun conto que titulamos “O home, o burro, o can e o mono” e que a seguir transcribimos:

Cando Dios fixo o mundo, entonces creou aos animales. Creo o burro e díxolle:
—Vas ser burro, vas traballar de sol a sol cos homes hasta que te arrebenten, e vas a vivir cincuenta anos.
E díxolle o burro:
—Señor! Cincuenta anos son moitos! Con vinte xa me chega!
—Bueno, pois concedido; vinte.
Entón creou o can e díxolle:
—Vaste chamar can, vas comer as sobras dos animales e da casa, … vas ter conta da casa e vas vivir trinta anos.
E díxolle:
—Señor, trinta anos para estar de can, e comer as sobras todos os días! Dáme quince!
—Bueno, concedido. Quince.
E despois creou o mono e díxolle:
—Vas ser mono, vas andar de rama en rama, a facer rir aos homes. Vas andar a facer pallasadas por aí. Vaste chamar mono e vas a vivir trinta anos.
—E para facer o parvo non me chegan quince anos tamén?
—Pois quince anos.
—Entón despois creou o home, e díxolle:
—Vas ser o home, o único animal racional sobre a Terra. Vas mandar en todos os animales, e vas a vivir vinte anos.
—Señor, vinte anos para ser o único animal racional sobre a Terra é moi pouco tempo! É mellor que me deas máis; por ejemplo, os trinta que non quixo o burro, os quince que non quixo o can e os quince que non quixo o mono.
—Pois concedido.
Por eso o home vive vinte anos como home, vivindo, disfrutando, de festa en festa..., despois pasa a vivir trinta anos coma un burro, a traballar coma un burro. … despois ao pasar dos trinta anos, os fillos vánselle da casa e queda de can, a ter conta da casa e alí de can, ao que lle dean. E despois pasa … ao final da súa vida, o choio do mono, a saltar de casa en casa…
(Véxase gravación)

No “Catálogo tipológico del cuento folklórico español: cuentos de animales” (1997), de J. Camarena e M. Chevalier non consta ningunha versión oral galega para o tipo 173. No “Catálogo tipológico del cuento folklórico español: cuentos religiosos” (2003), de J. Camarena e M. Chevalier tampouco se referencia ningunha versión oral galega para o tipo 828. No “Catálogo tipolóxico do conto galego de tradicón oral” (2010) de Camiño Noia Campos non figura mención a este tipo de contos.
Estamos, xa que logo, diante dunha singularidade descuberta polo proxecto POLAFÍAS da AELG.
Os irmáns Grimm publicaron un conto coma este na cuarta edición do seu “Kinder-und Hausmärchen” en 1840; versión , por certo, que se parece moito á nosa de Moaña.
Nunha publicación de contos rumanos da autoría de M. Gaster “Rumanian Bird and Beast Stories” de 1915 aparece o mesmo conto, protagonizado polos mesmos animais.

CLASIFICACIÓN(1)
Na clasificación universal de tipos de contos soe catalogarse como ATU-173 e tamén como ATU-828.
ATU-173: Men, Animals, and the Span of Life (O home, os animais e a duración da vida)
AT-828: Men, Animals, and the Span of Life (O home, os animais e a duración da vida)
______
(1)Sistema ATU: Estas siglas correspóndense coas letras iniciais dos apelidos dos creadores dunha clasificación universal sobre os índices e motivos dos contos populares tradicionais. Foi iniciada polo finés Antti Aarne en 1910, continuada polo estadounidense Stith Thompson en 1928 e 1961, e completada polo alemán Hans-Jörg Uther en 2004.

___________

Conto: O home, o burro, o can e o mono, por Pepe "O caramuxo" (Moaña)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Estupendo artigo no que se recolle un conto-tipo descoñecido ata agora e que paso a inserir no Catálogo de conto galego.

Enviado por Camiño Noia o 15/06/2014 ás 18:09:36


Enviar comentario a este artigo: