Actualizado en data 25/11/2026

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A serpe que embazaba os paxariños coa mirada

Naqueles tempos, cando eu era un neno, contoume un amigo meu que estando el no monte co gando un día escoitou un paxariño chiar dunha maneira que semellaba que alguén o estaba a atacar.

Achegouse a un grande carballo e viu un paxariño que piaba, piaba, piaba e ía baixando de póla en póla. Piaba e baixaba.

Que lle pasaría a aquel paxariño para que piara daquela maneira e para ir baixando!

Ao meu amigo deuselle entón por mirar para o chan.

Estaba cheo de folla de carballo e había máis dunha ducia de carballizos ao redor do carballo. Ao fixarse ben viu unha grande serpe que estaba enroscada debaixo da folla e que tiña a cabeza erguida e miraba fixamente para o paxariño.

Aquela cobra estaba embazando o paxariño coa mirada. O pobre paxariño, efectivamente, tamén miraba fixamente para a cobra ao mesmo tempo que chiaba e baixaba de póla en póla.

O meu amigo, entón colleu a vara do gando que levaba na man e interpúxoa entre a mirada da cobra e a mirada do paxariño.

Daquela o paxariño deixou de chiar e fuxiu voando, voando, voando...e a serpe tamén fuxiu para un burato que había nun valado.


Recreación do conto (rememorado en novembro de 2026) escoitado por Manuel (entón un neno menor de 10 anos) en Prados, parroquia de Ribela, concello Coles (Ourense) na década 1950-1960 de boca do seu avó, José, cando este andaba entre os 76 e os 86 anos de idade.


Nota sobre o tipo de conto: Este conto responde ao motivo D2071.1 (índice de motivos de S. Thompson): "A serpe fascina os paxaros coa súa mirada" pero non existe, que nós saibamos, un tipo ATU concreto no que se poida encadrar con seguranza.

Ver: O lugar dos contos

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: