Actualizado en data 24/11/2026

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

[ATU 745 A] Arre burrico que o que nace para pobre non pode chegar a rico

Cando Xesús Cristo andaba polo mundo adiante, chegou a un lugar de Galicia onde estaba un zapateiro a mallar na sola dun zapato cun martelo enriba dunha pedra traída dun coiñal. O zapateiro, á vez que mallaba na sola, dicía:

—Arre burrico, que o que nace para pobre non pode chegar a rico!

Xesús Cristo contradiciu o que dicía e díxolle que el chegaría a rico.

O zapateiro contestoulle que non, que el nacera para pobre e nunca chegaría a rico.
Pasado o tempo, pasou outra vez Xesús Cristo pola zapatería e deixoulle unha broa de pan trigo ao zapateiro para que a puidera comer xunto coa súa muller e os seus fillos. A broa de pan estaba chea de moedas de ouro por dentro.

Cando Xesús Cristo marchou, o zapateiro foi rapidamente á casa dun rico que había na aldea e díxolle:

—Mire, señor, trouxéronme esta broa de pan trigo, pero nin eu nin a miña muller, nin os meus fillos estamos afeitos a comer este pan. Se me dá o equivalente a un día de xornal, doulle esta broa de pan.

O rico, que estaba afeito a comer cousas boas mirou para a broa de pan trigo e comproulla. E o zapateiro marchou para a súa casa todo contento porque conseguira gañar o xornal dun día sen ter que traballar.


Recreación do conto (rememorado en novembro de 2026) escoitado por Manuel (entón un neno menor de 10 anos ) en Prados, parroquia de Ribela, concello Coles (Ourense) na década 1950-1960 de boca do seu avó, José, cando este andaba entre os 76 e os 86 anos de idade.

Ver: O lugar dos contos

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: