CATEGORÍAS RELACIONADAS
[ATU 673] O caldo da serpe curou unha doenza de pel
Cando eu era neno había moita xente xa maior que andaba a pedir polas portas nas aldeas. Algúns pedían un anaco de pan resésego e unha cunca de caldo morno, e pousada na palleira ou incluso na corte do gando.
Daquela, nas casas das aldeas non había luz. A cociñas das casas, moitas veces eran rentes ao chan, cociñas terreas con chan de sábrego pisado, preto da corte do gando...
O caso é que un día chegou por alí un pobre pedindo que lle deran algo de comer.
Aquel pobre tiña a pel toda escarapelada. Daba medo velo. A pobre vella non puidera facer aquel día o caldo, pero díxolle ao pobre que se quería podía darlle algo de comer dun grande pote que tiña encolgado na gramalleira onde lle estaba a cocer a comida para a facenda que tiña na casa (vaca, porcos, galiñas, coellos...) que consistía en cocer nabos, remolacha, patacas pequenas, verzas.....e cunha presa de farelo.
O pobre comeu unha cunca daquela auga con farelo e un par de nabos e patacas pequenas e marchou. Ao cabo de medio ano volveu pola porta e preguntoulle á vella:
—Señora, vostede que me deu de comer aquel día cando pasei pola súa porta pedíndolle de comer?
A pobre vella desculpouse:
—Ten que me perdoar, foi sen querer, ou non o sabía... resulta que cando baleirei o pote no caldeiro para llo levar ao gando atopei unha grande serpe cocida na pota do cocido do gando,...debeu caer do tellado porque está rente ao terreo... pidolle desculpas e non me denuncie... por Deu!
—E que hei denunciar, señora! Abenzoada sexa vostede e mais a serpe... Desde que comín aquela cunca de caldo comecei a sandar e agora, como poderá comprobar, estou totalmente san!
Recreación do conto (rememorado en novembro de 2026) escoitado por Manuel (entón un neno menor de 10 anos ) en Prados, parroquia de Ribela, concello Coles (Ourense) na década 1950-1960 de boca do seu avó, José, cando este andaba entre os 76 e os 86 anos de idade.
Ver: O lugar dos contos






