CATEGORÍAS RELACIONADAS
[ATU 285] A serpe que mamaba nos peitos da muller parida
Naqueles tempos de antes, as casas estaban cheas de buracos nas paredes e moitas delas estaban rente ao chan.
O caso é que unha muller acababa de ter un fillo e despois dun ano de o ter, o neno estaba amerado e non medraba nada. A nai dicía que o neno de día non mamaba moito porque ela de día non tiña moito leite, pero que debía mamar moito de noite mentres ela durmía porque á maña cando espertaba tiña os peitos baleiros.
Foron ao médico co neno e o médico díxolle:
—Esta noite, cando se vaian á cama estorroen un par de presas de serraduras ou de farelo polo chan, preto da cama onde dormen a muller e mais o seu fillo!
Así o fixeron. Ao romper o día espertou a nai e viu polo chan no farelo esparexido o sinal de ter pasado por enriba del unha serpe. Á noite seguinte, o home e pai do neno sentou nunha cadeira á beira da cama e estivo toda a noite ser pegar no sono.
Nun intre da noite viu rebulir algo na cama. Prendeu un mixto para ver que pasaba e viu unha grande serpe a mamar nos peitos da súa muller, mentres o seu fillo estaba a mamar na punta do rabo da serpe.
Recreación do conto (rememorado en novembro de 2026) escoitado por Manuel (entón un neno menor de 10 anos ) en Prados, parroquia de Ribela, concello Coles (Ourense) na década 1950-1960 de boca do seu avó, José, cando este andaba entre os 76 e os 86 anos de idade.
Ver: O lugar dos contos






