Actualizado en data 15/04/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Anuario de Psicoloxía e Saúde nº 17: Galicia máxica, doenzas, ritos, contos, curandeiros

Revista oficial da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG ( Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia)

Data 11/2024

Edidicón bilingüe (PDF)

GALICIA MÁXICA. DOENZAS, RITOS, CONTOS, CURANDEIROS

Moitas veces o tema que escollemos para o Anuario foi pensado hai tempo, como propostas anteriores que foron rexeitadas. Como se se tratara dunha historia, hai personaxes que saen ao principio pero cobran protagonismo máis adiante. Non sabemos se, como o bo viño, esta idea tiña que madurar ou se foi o seu predecesor, o Anuario dos Inicios, quen a fixo amosar; pero escollemos reflexionar sobre as orixes. Ben podería ser este, Orixes, o título do Anuario, pero na terra das meigas, e sendo cinco bruxas no equipo, a maxia e a poesía son a nosa pegada, así que seguimos co simbolismo, co realismo máxico da nosa terra, da Galicia Máxica.

Probablemente este sexa un dos Anuarios máis fermosos, fermoso porque o fío condutor é a nosa terra, Galicia, coa súa historia e historias. É fermoso polo contido e fermoso polas imaxes. É fermoso por bonito e porque nos conecta coas nosas raíces.

Galicia é maxia, é historia e memoria. Cada un de nós creamos a nosa propia trama, embebidos da historia e memoria colectiva, que nos atravesa, que nos constitúe, que nos dá identidade. Ao final da vida, o que deixamos son historias e vivimos en historias, polo que coñecelas e non soterralas, axuda a entender o que nos ocorre.

Quizais na época da tecnoloxía, dos avances, da profesionalización do todo, da patoloxización da vida, da individualidade fronte á comunidade se convide á desmemoria; nós queremos evitalo e recordar e contar. E facémolo con artigos, artigos que enganchan e fan sorrir, artigos que nos conectan entre nós e nos levan ao importante. E como se de fadas se tratara, entre os propios articulistas cítanse.

Abrimos o Anuario cun artigo de Antonio Reigosa, escritor, investigador e divulgador da cultura popular tradicional galega. Co seu artigo Males da cabeza: notas sobre denominacións, causas, síntomas e remedios segundo a medicina popular tradicional galega, trata de derrubar barreiras de desentendemento entre o mundo tradicional e o científico. Fala das enfermidades ou doenzas, da orixe sociocultural das mesmas, como aspecto importante a reflexionar, e o medo e a culpa que sempre están detrás. E faino describindo os males de ollo, do aire, das sombras, o corpo aberto, o ramo cativo, o corpo santo, os curandeiros...narrando as explicacións que se daban aos males da cabeza, onde o poder curador non depende só do que sabe, senón tamén dun ente superior e da comunidade.

A influencia e peso da tradición está en todas partes, non se libra nin a morte. No seguinte artigo, Rafael Quintía, antropólogo, fala da Transformacións da ritualística funeraria na Galicia contemporánea; reflexiona sobre como cambiou o ritual e xestión do transo da morte na cultura e na sociedade galega. De como a morte mudou do colectivo ao individual, da vivencia do dó e a morte en soidade hoxe en día fronte á socialización da dor que imperaba nas sociedades rurais. Curioso, a sociedade na que todo se fai público pero se leva en privado a morte, incluso se nega e se reprimen os sentimentos asociados e os tempos para sentir, pasando de ser considerada unha realidade irremediable a vivir coma se a morte non existise, mais sempre está aí.

E da morte pasamos á vida, ás crianzas e aos contos. Ángeles Goás, mestra e contadora de contos, reflexiona sobre a importancia de recuperar o contar e a tradición oral nas familias co seu artigo Infancia e fantasía: o poder transformador dos contos e o seu impacto no desenvolvemento. Cunha lectura amena, introduce a cultura da narrativa oral e as bondades e beneficios de contar contos á infancia, no marco da Galicia dos nosos devanceiros. Contar é compartir, prestar atención, pararse e estreitar lazos. Tamén fai reflexión e crítica sobre a rapidez, produtividade e «profesionalización» nos novos tempos, onde, a pesar do mundo conectado, se perden as conexións interpersoais mais íntimas; e onde o conto trata de «profesionalizarse», perdendo a súa verdadeira esencia.

E de contos tamén sabemos os psicólogos, pois escoitamos historias e axudamos a reelaborar relatos. E cos Psicólogos e outros menciñeiros, do apartado de ferramentas, pechamos este ciclo de historias con este artigo do psicólogo clínico Jorge García. Cunha escritura dinámica e clara, e a través dunha viñeta clínica que a acompaña, fala sobre o noso facer en terapia como escoitadores de historias. A persoa con malestar é a que elixe o seu axente de curación e outórgalle a potestade de facelo e nisto inflúe tamén a cultura, os grupos sociais, a familia, aqueles que están preto no momento de enfermar. Recolle puntos claves para o noso bo facer nas consultas.

Este relato pechado da Galicia Máxica deixa paso ás historias abertas do ANUARIO ABERTO, con tres artigos libres e o traballo premiado nas pasadas Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG: (Re)tomando o rumbo: abordaxe dun caso clínico a través da terapia narrativa, de Lucía Díaz Riola e Melania Beceiro Rico; Avaliación neuropsicolóxica dunha síndrome amnésica transitoria recurrente, de Anxo Fernández Villar, Cristina García Diez, Nora Suárez Fuentes, Jennifer Cabaleiro Suárez, Uxía Martínez Hervés e Beatriz Fernández Malvido; Atención psicolóxica ao final da vida no contexto do COVID-19, de Ana Amado Mera; e Grupos de dó perinatal (traballo premiado) de Andrea Navarro Marcos, Marta Yáñez Vicente, Andrea Puime Pérez, Ana Asunción Canle de Andrés e Fátima Álvarez Martínez.

Esta historia chegou ao seu fin e, como cada ano, agradecer e dar os parabéns ás miñas compañeiras de equipo pola súa implicación, o seu traballo e compromiso; así como ás autoras e aos autores dos artigos, que tan ben o fixeron, e ás compañeiras do COPG.

Agardamos que vos quede un bo sabor de boca coa lectura!

[Consello de Redacción]

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: