Actualizado en data 21/03/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Desafiando a tradición (artigo de Antonio Reigosa)

© Antonio Reigosa

Creador e mantedor da enciclopedia da fantasía popular de Galicia

A comunicación oral serve para a transmisión de coñecementos e, por tanto, de cultura. Nos casos nos que a oralidade se expresa nunha lingua minorizada convértese ademais nun mecanismo de autodefensa das culturas populares fronte ás agresións e, sobre todo, nun recurso imprescindible para recuperar a propia historia e afirmar con orgullo a identidade colectiva.

Teño para min que Galicia Encantada comezou a súa andaina hai moito tempo, concretamente aquel día no que o meu avó, Xusto, me falou por primeira vez dos mouros do castro de Zoñán. Lémbroo ben. Roldaba o trebón. O tronido era cada vez máis forte. Por enriba da Pena da Roca e do Alto das Fiosas pairaban unhas xigantescas nubes negras.

Foi entón cando o avó, decatándose de que eu comezaba a tremelicar, non polo frío senón polo medo, mo explicou: “Aí na croa viven os mouros. Teñen a casa debaixo da terra e cando levan os cabalos beber ao rego de San Cristovo van por túneles soterrados”. Cando trona, como daquela, era que os mouros estaban xogando aos birlos. “Cada vez que escoitas un trono é que os mouros atinan coa bola e fan rolar os bolos pola lastra e máis alá”.

Eu vira moitas veces xogar aos birlos, entretemento que consistía, fundamentalmente, en lanzar unha bola de madeira con moita forza e tratar de tombar cantos máis birlos mellor, incluído o que se colocaba no centro chamado canteiro, e tentar arrastralos o máis posible. Canto máis lonxe, mellor. Custábame crer que os mouros fixesen tanto estarabouzo pero o meu avó convenceume e eu crino.

Tempo despois, daquela eu aínda era moi inocente, comecei a preguntarlle ao avó Xusto quen e como eran aqueles mouros que vivían por debaixo da croa do castro. A que se dedicaban... Como eran os seus cabalos... Por que nunca os víamos... Onde sementaban o trigo... Que comían e...

Entre o avó Xusto e outras veciñas e veciños fóronme contando historias que daban respostas satisfactorias, ou parecíano, á miña curiosidade. Contáronme que aqueles mouros gardaban un gran tesouro e que unha vez lle deran parte do seu haber a un devanceiro dunha familia de Rego de Cas e que por iso se fixeran ricos os daquela casa, e tamén me dixeron que as mouras e os mouros non eran exactamente as mesmas criaturas.

Tamén me contaron dos encantos e que na chamada Pena Grande onde se deixaba ver o demo de cando en cando, que está mesmo a carón do castro de Zoñán, tamén andaba o trasno. Así foi como, aos poucos, contado por uns e outros, fun coñecendo as marabillas da contorna do lugar onde nacín.

Re-coñecérmonos

Todo ese saber que me regalaban entusiasmábame, gozábao como o mellor dos praceres posibles nos anos infantís. Aquelas historias prenderon en min e, sen decatarme, enraizaron profundamente na miña fráxil memoria. Andando o tempo comprendín que se me estaba agasallando cun coñecemento ancestral, decantado polas sucesivas xeracións que me precederan. E o meu avó, contándomo, estaba dando cumprimento a unha obriga tácita que consistía en facerme parte dun legado que me correspondía por ser eu entón o último elo dunha cadea de transmisión secular.

Ese mandado que consiste en contar, recrear e transmitir o que se me confiara tamén debera ser para min unha misión se non se interpuxesen atrancos ben complicados de evitar.

Un deses estorbos constituíno a escola. Naquela escola que nos tocou en sorte non se tiña en conta para nada nin a lingua na que falábamos, nin a cultura na que nos recoñecíamos como parte de algo colectivo. A escola, que no meu caso se impartía nunha casiña próxima ás nosas cumpría naquel entón unha función desgaleguizante que pretendía afastarnos, en moitos casos con notable éxito, do que aprenderamos ata entón.

Ademais de obrigarnos a falar nunha lingua allea, os modelos a imitar que se nos ensinaban non tiñan nada que ver co noso mundo. E quizais o máis grave, desde aquel púlpito escolar, como sucedía desde o relixioso, insistíase en que apostatásemos do que aprenderamos dos nosos maiores, convidábasenos a renegar do que se nos transmitira, incitábasenos a abrazar unha nova fe que no campo estritamente educativo consistía en forzarnos a falar noutra lingua e a renegar da nosa, en desprezar, mesmo avergoñándonos, da nosa maneira de entender a vida.

O antedito vale para a escola primaria e tamén para a secundaria. E incluso para o campo relixioso pois todos eses ámbitos de poder combatían con inenarrable saña todo o que nos ofreceran as nosas aínda limitadas experiencias.

O saber popular tradicional estaba tocado de morte. Impuxéranse os prexuízos e os menosprezos, e a isto habería que engadir un proceso imparable, o despoboamento das áreas xeográficas onde máis e mellor se conservara a nosa identidade cultural.

Tras o pasamento do ditador, chegaron días máis felices; é certo. Ventos de liberdade axudaron a varrer a nosa ignorancia e de non sabermos nin quen éramos pasamos progresivamente a indagar de onde viñamos, que nos distinguía ou en que éramos parecidos a outros pobos e culturas.

Esa revelación, coa conseguinte ansiedade que nos xeraba, desatrancounos a porta da curiosidade por saber quen éramos, sen saber que xa o sabíamos.

Unha cultura (a nosa) por descubrir

Todo o proceso condúcenos a re-descubrir o 'gran tesouro'. Foron anos de indagación, de prospección alí onde a nosa cultura popular aínda rebulía. Onde as lendas, os mitos, os contos, os romances e outras manifestacións da oralidade resistían os embates dunha agresiva aculturación.

E todo foi de axuda. O legado que nos deixaron os sabios da Xeración Nós xa era de por si un tesouro de saberes. Os traballos de campo que comezamos a realizar, moi intensos en determinados períodos, que realizamos como Equipo Chaira (Mercedes Salvador Castañer, Ofelia Carnero Vázquez, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa) axudaron a destapar definitivamente o tarro das esencias.

Todo ese tempo dedicado á aprendizaxe e tamén á reflexión tivo consecuencia marabillosas. Ao tempo que íamos coñecendo a nosa propia cultura e as súas manifestacións máis singulares, decatabámonos que que era preciso interpretala e, sobre todo, divulgala da mellor maneira posible, pois os esforzos que se dedicarán a perseguila con intención de aniquilala, non resultaran baldíos.

Con Xosé Miranda e Xoán Cuba, co imprescindible axuda na parte gráfica de Lázaro Enríquez, naceron o Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999), os Contos colorados (Xerais, 2001) e, entre outras moitas obras, a colección Cabalo buligán (Xerais 1998- 2004), 20 tomos con 198 contos, ilustrados e anotados, tirados da nosa tradición oral como nunca antes se reuniran.

Galicia encantada, o libro virtual

De toda esa bagaxe nacería en 2005 a nosa enciclopedia virtual, apoiándose nunha nova e revolucionaria forma de transmisión de coñecementos. O salto tecnolóxico que significou a xeneralización do uso de internet a principios do século XXI vai resultar transcendental para moitos usos pero tamén para dar a coñecer a nosa literatura de tradición oral e para que coñezamos nós tamén outras literaturas populares tradicionais, irmás da nosa.

Unha ferramenta con tal capacidade máxica como a de poder entrar a través da rede informática nas casas, nas aulas ou en calquera lugar do mundo non a imaxináramos. Pura maxia. Un camiño de ida e volta que posibilita, no asunto que nos ocupa, a oportunidade real de ofrecer e recibir en rede arquivos e toda clase de documentos orais ou videográficos non a soñaramos cando comezamos a recoller porta a porta a principios da década dos noventa do século XX.

Era unha oportunidade que había que aproveitar, a de conectarnos desde Galiza con calquera lugar onde houbese interese pola nosa cultura oral. Nese contexto, con esas novas vías virtuais de comunicación naceu Galicia Encantada en 2005, a enciclopedia da fantasía popular de Galiza.

Esta experiencia serviunos, tras a creación en 2007 da sección de literatura de tradición oral pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), para poñer o xerme no seo da web deste colectivo dun arquivo que recollese todo o material producido por esta asociación en moi variadas accións e actividades e que hoxe constitúe, con enorme distancia, un dos maiores contedores de cultura oral galega, ofertado a libre disposición a quen o desexe consultar desde calquera parte do mundo.

Nestes 20 anos de percorrido, Galicia Encantada foise convertendo nun referente imprescindible como punto de consulta tanto xeral como, especialmente, no ámbito escolar. Tamén estamos especialmente orgullosos de establecer pontes cos orixinarios ou descendentes de galegas e galegos que se viron na necesidade de migrar e que hoxe expanden polo mundo o orgullo de séreno. Desde os países onde foi máis intensa a arribada de galegos e galegas (Arxentina, Cuba, Francia, Uruguai, México...) recibimos centos de consultas que se acrecentan ano a ano.

Este mérito corresponde en boa parte, e así debe constar, ás numerosas persoas que desde practicamente todos os concellos galegos foron contribuíndo, paso a paso, ano tras ano, a encher de contidos este nicho virtual. E non só desde Galicia pois, aínda que en menor medida, tamén recibimos moi interesantes achegas desde os lugares de residencia de galegas e galegos que andan polo mundo, e tamén remitidos por investigadores e estudoso da cultura popular das veciñas Portugal, León, Zamora ou Asturias.

Sendo ben conscientes das limitacións que padece un proxecto como este, sen financiación pública nin privada, non podemos máis que manifestar a noso agradecemento a todas e todos, colaboradores e usuarios, pero moi especialmente polo apoio recibido desde o primeiros días por Manuel Fernández Prado, de Desarrollos Lugonet, e por Noemí López, artífice da imaxe que nos identifica na enorme lareira virtual que frecuentamos.


Texto para o caderno especial 'Galicia Encantada: 20 anos da Enciclopedia de fantasía popular' publicado conxuntamente co xornal Nós Diario o 5 de marzo de 2025.

VER caderno completo en PDF

Coordina: Antonio Reigosa. Ilustracións: Noemí López. Textos: Antonio Reigosa / Calros Solla / Xurxo Broz e Cristina Vázquez Neira / Camiño Noia / Fina Casalderrey / Alexandre Parafita / J. Luis Garrosa Gude / Cristina Lombao / Miguel Losada / X. Manuel Varela / Avelino González.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: