Actualizado en data 21/03/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

[Conto tipo 122 R (Ca-Che)] A ovella do tío Farruco e o lobo

Tiña un rebaño de ovellas e mandounas polo Someiro arriba pacer, e despois aquel día choveu de día moito e tiña unha ovella que tiña unha cría, e subiron do Someiro, subiron prá Granda Labrada, e despois as outras viñéronse, veuse todo o rebaño a non ser a da cría, a ovella e máis a filla, e claro, como era noite, quedáronse na Granda Labrada, e dicíalle a filla:

‒Vámonos, miña mai, que ha vir o lobo e hanos comer!

E dicía ela:

—Paciquemos, paciquemos, que mañá ha de chover! —dicíalle a ovella á filla.

E así estuveron un pedazo nesas voltas. E logo chega o lobo por alí adiante e díxolle:

—E, que fas aí, vella ruza?

Dixo:

—E tou pacendo, home, que mañá ben sabes. Hoxe estuvo moi mal día e mañá ha nevar. E teño que..., temos que pacicar agora, antes da noite, que mañá non se pacica.

E dixo [o lobo]:

−Pois e, heite comer!

−E dixo [a ovella]:

−Ai, home, pois entonces vente logo asta acolá embaixo a aquel rego, que alí tamén bebes auga e mais comesme alí!

E entonces vaise e dixo:

–Anda, logo!

–Bueno, pois vaite aí por ese camiño abaixo e vas dar aló a volta ó Foxo Novo, que eu vou por este carreiro i o que chegue diante ó rego que espere e... que espere alí anque seña na Carreira Vella, que é un pouco máis arriba do rego.

Pero a vella [a ovella] des que se apartou do lobo correu canto puido e a aña atrás tamén, e chegou á casa e dixo:

–Meeé!

E díxolle o tío Farruco:

–Ai, Antoña, vai aí a ovellla!

–Vaille logo abrir, ho!

E foille abrir e botouna dentro. E tan pronto o vello chegou ó cuarto de abrirlle á ovella, chega o lobo á porta berrándolle e díxolle... díxolle:

–Ai, Dios mío!

–Ah! –díxolle el–

–E non me espareche?

–Ai, Dios mío! Canto corrín pra chegar diante ti! Nunca na miña vida collín tamaña escaramuza!

–E eu des que son vello galbao, nunca cousa se me soltou da mao!

E despois, como estaba dentro, non a comeu!


Recollla realizada en 1987 por Magdalena Domenech Gruñeiro (estudante de Maxisterio) e actualmente (marzo de 2025) residente en Argomoso, Mondoñedo (Lugo). A informante, Nieves Leitón Fernández (avoa da recompiladora), de Escourido, Argomoso (Mondoñedo), tiña 74 anos.

 

 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: