CATEGORÍAS RELACIONADAS
E continuaremos a contar. A narrativa oral como ato de visibilidade e sobrevivência, de Paula Carballeira
© Antonio Reigosa
Autora: Paula CARBALLEIRA
Título: E continuaremos a contar. A narrativa oral como ato de visibilidade e sobrevivência
Santiago de Compostela: Através Editora, 2021
147 pp.
ISBN 978-84-16545-55-1
Poucas veces temos oportunidade de ler reflexións tan certeiras sobre o acto de contar e de todo o que o rodea pois aínda que o puidese parecer, por ser a autora desta obra unha recoñecida contadora de historias, o feito de contar non se reduce, como a seguir diremos, só á arte de narrar contos senón que tamén e sobre todo á necesidade de darlles forma, de facer atractivas as experiencias de cada día de cada unha das nosas vidas.
Agás en breves artigos ou reflexións que soen aparecer en prólogos de libros que tratan sobre contidos orais –e que cita a autora nas notas ao pé e na bibliografía–, non dispoñíamos na Galiza dun ensaio sobre a importancia de contar e de escoitar, a pesar de sermos herdeiros dunha cultura predominantemente oral. Aínda nestes tempos, coa abusiva presenza nas nosas vidas de medios e recursos tecnolóxicos, seguimos precisando a voz que nos anaina e o corpo que nos sostén, desde o berce ao cadaleito. Estamos feitos de palabras, de voces que evocan un pasado, o noso, e de ecos que definen a cultura da que formamos parte e que expresamos todas e todos de forma oral nos espazos afectivos e de confort, aínda que este libro, necesario, seguramente imprescindible cando falemos de oralidade de aquí en adiante, trata sobre todo desa xente que, como a autora, se dedican profesionalmente a contar, os que fan da palabra envurullada coa voz un medio de vida.
E continuaremos a contar. A narrativa oral como ato de visibilidade e sobrevivência da autoría de Paula Carballeira comeza con dous prólogos; o primeiro asinado pola xornalista Lara Rozados e o segundo pola narradora oral, psicólga educacional e bibliotecaria, Cristina Taquelim.
Lara Rozadas lémbrase do primeiro encontro coa autora, sendo ela aínda unha adolescente, cando lle escoitara o conto coñecido como Os sete cabritos. Quedou tan impresionada polas formas e recursos expresivos que, de algunha maneira, aquel acto guioulle a vida. Opina que este libro é un alegato sobre a necesidade de contar, de escoitar e de establecer, en definitiva, unha comunicación bidireccional entre as persoas. Contar e que nos conten, disposición que tanto precisamos para estarmos e para sermos no mundo.
Cristina Taquelim fai memoria dunha experiencia persoal, a de percorrer a casa onde vivía de cativa cos ollos pechados como experiencia creativa do “animal imaginário” que somos, o que é quen de religar coas imaxes soñadas un decorado para o tempo que ha vir; o tempo das 43 palabras máis repetidas pola autora no seu ensaio. Considera esta obra un xesto de profunda xenerosidade.
Contar para sobrevivir
A obra desenvólvese en 27 capítulos breves nos que se mesturan historias e reflexións sobre aspectos ou situacións a ter en conta no oficio de contar. En xeral, apóiase nas experiencias propias que o tempo lle foi revelando des que se dedica profesionalmente a contar historias, sexa cal sexa o formato pois, amais de narradora, a autora conta cun importante currículo como escritora e actriz.
A primeira reflexión, non se podería obviar, repara na coincidencia do tempo da escrita deste ensaio co desenvolvemento das progresivas ondas da pandemia provocada pola covid-19 o que obrigou a reducir drasticamente a actividade cultural xeral e tamén, xa ora, as sesións presenciais de narración oral. Aínda así, dunha ou doutra maneira continuamos a contar para, como apunta a autora, non quedarmos sós.
O seguinte capítulo trata da identidade e da decisiva circunstancia de ser ela muller. A outra cuestión relacionada coa identidade ten que ver cos dous valores primordiais a defender: a nosa lingua e a nosa cultura, aspectos que para a autora son irrenunciables á hora de recrear calquera historia.
No capítulo seguinte titulado “A avó” desenvólvese unha pequena e tenra historia que fala da forza reparadora tanto do acto de contar como do de escoitar. Confronta o mundo que se vai, representado pola avoa que ten necesidade de deixar memoria, co da vida que comeza, representado pola súa propia neta, mentres a xeración intermedia asiste como espectadora. Eis a necesidade de transcender que temos os humanos, de deixar pegada sequera inmaterial na mente dos nosos descendentes.
A seguir, a autora dedica unhas páxinas a definir e dar a súa opinión sobre os elementos básicos que forman parte da narración oral, o que, por outra parte, segundo afirma, así concibida como espectáculo é unha actividade recente.
Comenta os recursos da oralidade e a importancia que teñen a estrutura, cronoloxía, as repeticións cando son necesarias, a xestualidade, a entoación, as pausas e silencios ou as fórmulas de entrada e saída. Recomenda as frases simples, apelando a quen escoita, motivándoo e reclamando a súa atención. Tamén repara nas características da oralidade como acto efémero, de memoria e evocador.
Ao tratar a visibilidade da narración oral fala dos espazos onde desenvolven a súa actividade os profesionais e que é diferente segundo o xénero de quen conta. Afirma que as mulleres foron progresivamente conquistando chanzos pero que queda aínda moito para a igualdade efectiva neste campo. Máis alá dos espectáculos programados para as idades infantís, nos do mundo adulto a presenza da muller redúcese drasticamente, tanto na faceta de narradoras como na de espectadoras.
A isto, que é froito da súa experiencia e quizais tamén de ser a primeira muller que comezou a contar contos entre nós, engade a súa concepción do feito de narrar que o compara a espirse de un mesmo, a poñer sobre o escenario a carga emocional persoal, a de facer visible o oculto e a de dar voz a quen, por prexuízos ou invisibilidade social, non a ten ou ninguén escoita.
Contar pode combater as experiencias traumáticas e aborrece o esquecemento. Canda os contos van as nosas inquedanzas, os noso medos. A bagaxe fundamental, a que nos cohesiona é a cultura que marca rumbos e que, ao nutrirse de memoria e tradición, actúa como unha coiraza contra imposicións, manipulacións e opresións. Contar, ao rememorar pasado, serve para sobrevivir.
A memoria, fonte da sabedoría, serve para sobrevivir
Varias das reflexións que propón a autora xiran arredor da idea de memoria como nexo co pasado e como capacidade humana para recrear o que xa foi, o que escoitou ou o que experimentou. Na memoria viaxa ese pasado que sempre deixa pegada, unha sorte de cuño da tradición metamorfoseada en historias con vontade de sobrevivirnos.
Pon un exemplo, a fábula da tartaruga e a elefanta. A tartaruga vive preocupada pois non atopa quen desexe herdar a pesada carga da súa memoria. Só a elefanta acepta xa que está disposta a recibir e transmitir esa carga que tanto lle pesa á tartaruga.
Pero ningunha transmisión sería posible sen as emocións, mesmo as conmocións, sempre comedidas, que son a chispa que provoca que compartamos as historias.
Transmitir emocións a través das historias que contamos altera o noso estado de ánimo; o de quen conta e quen escoita.
De aí a importancia de saber escoitar para captar todos os matices, para dixerilos e gozalos. A atención; o silencio atento, acompaña a quen narra.
A autora pon de exemplo unha lembranza; as lecturas que unha profesora lles regalaba dos contos de E. A. Poe. Rememora os silencios dos que escoitaban, a importancia de modular a luz ambiente e a forza comunicativa das miradas intercambiadas entre a profesora e o alumnado que escoitaba. As miradas falan!
A comunicación non verbal, o silencio e a distancia
É sabido que todo o noso corpo comunica; non só coa voz. Dicimos moito e moi importante cos xestos, consciente ou inconscientemente. As mans que acompañan a historia, os pés que danzan, que dubidan e achegan ou afastan a historia, e tamén a quen narra, do auditorio. Todo o noso conta, mesmo os silencios forman parte desa comunicación non verbal; outra maneira, normalmente complementaria, de expresármonos.
A propósito desta xestualidade, a autora dedica un capítulo a avaliar a linguaxe audiovisual, medio que se viron obrigados a usar narradoras e narradores mentres estivo suspendida a actividade presencial. E conclúe que non é mesmo, que se perden demasiados matices, que a interacción non funciona igual de ben e que, como mínimo, se perde o que quen escoita pode expresar coas súas miradas, risos ou sorrisos, acenos … e que exemplifica marabillosamente na historia que relata o desexo dunha filla por reencontrase co seu pai morto. Un encontro frío e baleiro, como corresponde a citarse con quen non está en ningures.
O repertorio e as emocións
Cadaquén busca as historias que quere contar en mil fontes, sexan orais ou escritas, tradicionais ou de creación. Un suceso ou unha conversa poden influír decisivamente nun repertorio que, á fin, é o resultado desa procura e desa experiencia, da calidade da receptividade coa que o público os recibe e do acerto de quen conta por atopar as palabras precisas, os xestos e os momentos para as historias que escolleu para contar como moi ben ilustra a autora no relato “Por cada conto un dente”.
“A vida vai-se contando entre palavras e silêncios”, frase que resume a reflexión da autora sobre as sensacións do tempo e o que no que cada tempo cada idade prefire escoitar. Quen narra debe saber adapatar o seu repertorio a cada tipo de público, ao lugar e ao momento de contar, pois, como ela tamén afirma, os contos non teñen idade pero quen escoita, si.
“O humor ilumina, desprende faíscas”. O humor é outra ferramenta imprescindible que libera a quen padece opresións pero, coidado cos recursos humorísticos cando se usan para afogueirar lumes que incitan ao odio, violencia ou sexismo.
Outra emoción que aparece con frecuencia nos contos, e que comenta a autora, é o medo. Os contos poden axudar a controlar os medos, todos os medos, incluído o medo maior posible que é o medo á morte, como reflicte o relato titulado “ O barco fantasma”, evocación dunha experiencia persoal.
E cunha reflexión sobre a idea de tradición que, ao seu ver, está en permanente renovación e actualización, que non é un fósil senón un camiñar sempre cara adiante co impulso da bagaxe do tempo do que somos herdeiros, remata a obra.
Conclusións
Para concluír, aplaudimos a publicación desta obra pois é necesario que profesionais da narración oral como Paula Carballeira compartan reflexións sobre o acto cultural de contar e sobre os seus significados, considerados desde a meditación e a experiencia.
A estrutura da obra en capítulos breves, centrados en aspectos moi concretos e ilustrados didacticamente, facilita a lectura e a comprensión das ideas que nos ofrece.
A exposición concisa e clara das características e elementos que interveñen na comunicación oral, provoca, como entendo pretendía a autora, que nós tamén reflexionemos sobre a nosa propia experiencia de contadores da vida, pois todos somos, dunha ou doutra maneira, narradoras e narradores orais.
Contar, como insiste a autora, é unha necesidade; probablemente o único recurso que temos os humanos para podermos sobrevivir.
Artigo publicado en Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies. 2022. (PDF)