Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Mamá loba

Marcos Rodríguez Pantoja reside en Rante, no concello ourensán de San Cibrán de Viñas desde 1998 e é o último caso coñecido de humano criado temporalmente entre lobos. Dáse a circunstancia de que este home vive a pouca distancia de onde unhas lobas devoraron dous nenos en 1974. Un dos cativos chamábase José Tomás Martínez Pérez e tiña once meses, e poucos días despois caeu atrapado nas fauces doutro cánido salvaxe José Javier Iglesias Balvís, de apenas tres anos.

Marcos anda agora polos 77 anos. Naceu en Añora (Córdoba), o 7 de xuño de 1946. Emigrou cos pais a Madrid onde quedou orfo de nai. Despois, a familia aveciñouse en Fuencaliente (Ciudad Real) pero como a madrasta non o trataba ben, o pai púxoo ao servizo –hai quen di que llo vendeu– dun cabreiro. Cando morreu o cabreiro, Marcos, que non sabía que facer co seu corpo, viu como o devoraban os voitres.

Desde os 6 aos 17 anos andou no monte, entre Fuencaliente e Cardeña, por Serra Morena, a maior parte dese tempo vivindo entre lobos. O antrópologo Gabriel Janer Manila estudou a fondo o seu caso. Gerardo Olivares conta a súa historia na película Entrelobos (2010) e no documental Marcos, el lobo solitario (2012)

Sábese doutros humanos que andaron entre lobos ou que foron aleitadas por outros animais salvaxes, xeralmente por simios. Uns sobreviviron e outros non. A mitoloxía clásica trata destes temas e cóntanos o caso de Zeus que foi aleitado por unha cabra ou por unha porca; non está claro.

O mito fundacional da cidade de Roma recrea un caso similar. Cando Amunio destronou ao seu irmán Numitor condenou á filla deste, Rea Silvia, a converterse en sacerdotisa de Vesta para que se mantivese virxe e non tivese descendencia. Pero Marte, o deus da guerra, procreou con Rea Silvia dous xemelgos que se chamaron Rómulo e Remo. Cando naceron, para evitar que os matasen botáronos ao Tiber nunha cesta e foron río abaixo ata que a loba Luperca se fixo cargo, alimentándoos ata chegaren a adultos. Cando Rómulo e Remo souberon a historia que os precedía, repuxeron no trono ao seu pai, Numidor, e fundaron no mesmo lugar onde os coidara Luperca unha cidade que se chamou Roma na que reinaron eles e os seus descendentes.

O escritor británico Rudyard Kipling, Premio Nobel de Literatura en 1907, publicou en 1894 unha colección de relatos baixo o título The Jungle Book que ben puideron ser inspirados nun suceso real.

Kipling conta a historia de Mowgli, un neno abandonado na selva que é salvado e adoptado por unha parella de lobos. Cando o protagonista regresa entre os humanos, como sucede na maioría dos casos coñecidos, aparece o conflito entrambas maneiras de vivir. Esta obra tivo enorme éxito. Fixéronse versións para cine, televisión e teatro, e traduciuse a case todos os idiomas do mundo.

Marcos Rodríguez Pantoja, “el niño de Sierra Morena”, anda agora coa súa historia polos centros escolares e cóntalles aos adolescentes o feliz que podería ser a Natureza sen ter que padecer a agresividade humana. Imita moi ben as falas de aves e doutros animais salvaxes. Hai quen quere ver nel un espello redivivo dos homínidos primitivos.

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 10 de xullo de 2023


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: