Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A espiritada de Gonzar

Preparando unhas notas sobre as pegadas dalgunhas doenzas suxestivas na nosa cultura popular tradicional reencóntrome con Josefa de la Torre Neto, a espiritada ou santa de Gonzar. Viviu uns 42 anos sen comer bocado e pertence ao grupo de persoas que chamamos “espiritados”, “corpos santos” ou “ánimas vivas”, estado ao que son proclives persoas moi devotas —como Rosalía Fraga, a Santiña de San Pantaleón de Cabanas— ou que xa estiveron no Purgatorio.

Estas persoas, sen que medie posesión demoníaca, de ánima ou espírito, permanecen moito tempo encamadas, nin comen —agás comungar— nin beben, apenas falan e tampouco expulsan fluídos corporais. Poden presentar catalepsia, insensibilidade e chagas nalgunha parte do corpo.

Josefa de la Torre naceu en novembro de 1773 en Gastrar (Boqueixón). Criouse moi influenciada polas crenzas relixiosas familiares, sobre todo por un tío cura co que conviviu ata os 16 anos. Despois trasladouse cos pais, labradores acomodados, a Santa Baia de Vigo e posteriormente a Gonzar (O Pino). Cando tiña 23 anos casou e tivo catro fillos antes de quedar viúva con 30 anos.

Todo comezou un día de novembro de 1806 cando acababa de cumprir os 33 anos. O sogro empeñárase en mallar (sic) a pesar de que Josefa se opoñía pois achegábase un temporal. En plena faena comezou a chover, Josefa correu axudar pero a friaxe e a humidade provocáronlle espasmos, desmaios e calafríos que lle duraron dous días. Nas seguintes semanas morreu a nai, presentóuselle unha gastroenterite, fóronselle paralizando os membros e quedou practicamente cega. O corpo inchoulle e enchéuselle de chagas supurantes. Sen nai e sen marido, sometida á vontade do sogro e cunha débil saúde, todo anunciaba complicacións. Como todo o que engulía lle sentaba mal, deixou de comer.

Encamou. Só falaba cun confesor. Unha criada descubriu que cando a familia durmía, ela erguíase, achegábase ao lume e peiteábase pero non comía nin bebía. Só confesaba e comungaba unha vez ao mes. A súa sona estendeuse e xente enferma correu a carón dela para tocala e pedirlle bendicións polo que o arcebispo de Santiago, Rafael de Vélez, entra no asunto e púxolle vixilancia de frades e cregos durante 17 días que nada especial descubriron. 

O prestixioso médico José Varela de Montes —precursor da psiquiatría galega—, despois de observala 13 días escribe un opúsculo en 1838 onde di que, en xeral, presentaba un estado aceptable e que só se alteraba cando o frío ou a calor eran anormais. Se non expulsaba líquidos nin excrementos, nin suores —só deitaba algunha bágoa— concluíu Varela que tampouco precisaba repoñer pois nada gastaba. Un capitán do exército emitiu un informe de similares características. Nin engurras tiña.

Josefa de la Torre faleceu en 1848, con 75 anos. Levaba 42 anos sen comer nin beber. Tras facerlle unha autopsia enterrárona cinco días despois con acompañamento numeroso. Fixérono en sitio principal, debaixo do altar da Nosa Señora do Carme, na igrexa de Santa María de Gonzar. Que se saiba, nunca se destapou a tumba para ver o estado de conservación do seu corpo.

Ilustración: Litografía de Botana Cancelo (inspirada nun retrato do natural do pintor J. J. Cancela del Río). 

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 8 de maio de 2023


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: