Heroes e heroínas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 022: Beber para esquecer
O mito narrado, entre outros, polo P. Feijóo en “Cartas eruditas y curiosas” pon en relación o noso río Limia co mítico Lete ou Leteo, tamén chamado río do Inferno porque, despois de discorrer baixo terra emerxe de novo caudaloso como se tivese o nacente no Averno. Todos os mortos debían beber a súa auga para esquecer a vida terreal.
Trátase por tanto da auga do esquecemento, a que fai perder a memoria a quen a bebe ou vadea. Iso dixo o historiador Floro que lle pasara a Décimo Xuño Bruto, o conquistador romano, cando lles pediu aos seus soldados que cruzasen as augas do Limia.
Eles negáronse pois crían que era o Lete verdadeiro —téñase en conta a proximidade ao Finisterrae, por tanto ao Outro Mundo—, crendo que se o facían borrarían da memoria todo o vivido.
Di o relato que primeiro cruzou o cónsul e desde a outra beira foinos chamando un a un polo seu nome demostrando que aquela auga non era a da desmemoria do río Leteo senón a do Limia.
Na Divina Comedia de Dante o Leteo discorre desde o seu nacemento no Paraíso terreal ata o centro da Terra.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 30 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero