Micromitos 014: O manflorito de Recaré
Manflorito ou manflorita díselle á persoa de sexo cambiante; ora femia, ora varón. Creo que a palabra procede do lunfardo “manflor” co significado de efeminado ou transexual nesta xerga dos arrabaldes bonaerenses.
En Recaré, no Valadouro, —cóntano M. Lorenzo, X. Pisón e I. Ferreira— houbo un tal Fermín da Gaita que cambiaba de sexo segundo a lúa.
Fermín tiña a barba mesta e andaba sempre vestido de negro, cuns pantalóns por debaixo e unha saia por riba. Unha tarde de inverno entrou nunha casa de Recaré, sentou ao pé do lume e pediu un vaso de viño. Ao anoitecer dixo que tiña que marchar, que aquel día era muller e tiña medo de que se metesen con ela.
—Déixate de lerias, Fermín, que ti es home! —dixéronlle, pero el, en vez de contestar, desabotoou a camisa e deixou á vista uns peitos de muller.
Unha nena da casa, testemuña do suceso, foi ao verán seguinte alindar as vacas á Albariña e viu a Fermín espido, tomando o sol. Aquel día era home.
Carlos Callón en “Nós, xs inadaptadxs” trata con máis sabenza os relatos LGTBI na narrativa tradicional galega.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 18 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero