Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Don Luís de Sotomayor Pimentel, Señor de Vilar de Ferreiros “Varón de fuerzas hercúleas”

 

Neste relato que se extrae das fontes documentais do século XVII, e fundamentalmente grazas ás sempre maxistrais leccións de xenealoxía de don Antonio Taboada Roca, farmacéutico e recoñecido historiador melidao, quen foi académico correspondente da Real Academia Galega e membro do Seminario de Estudios Galegos, refírese un acontecemento histórico con tinguiduras de conto de cabalería fantástica.

Nun dos seus amplísimos traballos, e sobradamente documentados, que leva por título “Cotos y jurisdicciones de Galicia” (publicado nos cadernos do Seminario de Estudos Galegos) fai una extensa exposición sobre a Xurisdición de Moreda e da Casa de Vilar de Ferreiros (destacado pazo sito na parroquia de Visantoña, no actual Concello de Santiso), facendo especial fincapé nos posuidores do título dende a liñaxe dos Sotomayor ata os Pimentel Sotomayor, pasando tamén polos Vázquez de Ínsua e as súas descendencias.

Entre todas as figuras recollidas no soberbio traballo de investigación xenealóxica cabe destacar o da figura do conde don Luís de Sotomayor Pimentel, que foi enaltecido nunha biografía saída da pluma do seu neto don Luís Tirso Pimentel de Sotomayor (quen tamén se interesou polos estudios de xenealoxías, publicando interesantes ensaios). Na biografía que fai do seu avó escrita en castelán do século XVII e relatado nunha prosa de corte fantástico e novelesca refire un triste episodio de crime sentimental (que lembra o episodio do crime aleivoso perpetrado por Vasco das Seixas, Señor de San Paio de Narla, contra a súa dona, Catarina de San Tirso), e tamén exalta de maneira bastante esaxerada a fortaleza física do seu avó, propia de titáns e que non ten desperdicio á hora de enumerar as proezas das que era capaz.

En todo caso é de destacar que o conde don Luís de Sotomayor Pimentel trátase dun persoeiro que realmente existiu e que entre os seus títulos destácase que foi familiar da Inquisición, cabaleiro da Orde de Santiago, corrixidor da Provincia de Canas e virrei do Perú en tempos de Felipe IV.

O seu neto don Luís Tirso refire a vida do seu devanceiro nos seguintes termos, que transcribimos, mais tomándonos a lixeireza de traducir ó galego actual, e así comeza o relato:

“Casado dito don Luís con dona Inés de Ribadeneira tiveron tres fillos: un chamado Fernán Díaz finou de neno, outro chamado Diego morreu xa mancebo e está soterrado na Capela de Alba de Santiago e a dona Constanza.”

“Tiña don Luís estando casado con dona Inés dous criados. Un era duns Bermúdez de Melide alias Lambotes. Estes ruíns calumniaron á súa ama dona Inés que tiña longa conversación cun frade franciscano, o seu confesor, con quen a Santa Señora se comunicaba e entrando don Luís en escrúpulo por un regalo de roupa branca, que soubo lle enviara, posuído dos receos, ou dominado da cabaleirosa aprehensión dos celos, una noite na Casa de Bergondo, habendo pechado nun apousento ás damas da súa dona e deixándoas recollidas para deitarse, deulle 12 puñadas (a dona Inés), e parecéndolle non quedar morta aplicoulle un espello na boca para verificar a respiración.” (*refire Taboada Roca que por dita tentativa de homicidio estivo don Luís preso no cárcere da Inquisición de Betanzos, pero por ser “familiar” do Santo Oficio e gozar do foro da mesma obtivo dúas Reais Provisións no ano 1620, en competencia que sostiña coa Audiencia que pretendía xulgalo).

A continuación refire o biógrafo que dona Inés contivo o alentou ante o espello, para facerse a morta (e a pesar das doce coiteladas recibidas) e prosegue que “… Enganado don Luís da súa mesma dilixencia tomou un cabalo e atopa no camiño entre Bergondo e Betanzos ó avó do conde de Maceda a quen lle prega que se pase pola súa casa e vexa a dona Inés a quen deixaba indisposta e que se se lle ofrecía algunha cousa que a asistira, pois el marchaba a toda dilixencia a unha precisión que non lle permitía a máis leve detención.”

“Marchou o conde a Bergondo, pero xa a habilidade de dona Inés houbo prevido ás criadas, que ós suspiros da ama houberon forzar a porta da súa estancia para que foran tocar a campá da Capela de San Roque daquela casa a defunto, facéndoo dese xeito.

Como fose xa día, porque o caso perpetrouse ó albor, oíu don Luís sobre a marcha a campá e xulgando xa finara dona Inés, e que aquilo era o sinal, picou o cabalo e acelerou a viaxe.”

“Recoñecendo o conde (o de Maceda) o estado daquela señora fixo traer a súa liteira de Betanzos e entrándoa nela curada de primeira intención como se puido encamiñouna a Santiago na liteira soa e cortinas pechadas temendo a don Luís e dese modo entrou en San Paio onde se curou e viviu algún anos e aínda mantivo correspondencia co seu home.”

“Un dos moitos prodixios que concorreron neste caso foi non ter sido mortais algunha de tantas feridas dadas nunha muller fraca, débil e espida por un varón tan valente, bravo e de forzas hercúleas, como era dito don Luís de Sotomayor”.

“Que dotado de tal puxanza que rebentaba un cabalo oprimíndolle as coxas, arrincaba una reixa chumbada, partía dúas ferraduras adobadas. Sinalaba cunha rella e arado tomado pola punta do mas til como cunha vara. Xogaba unha panca de 50 libras, oito pes xeométricos. Paraba un coche tirado a catro mulas. Era destro no xogar a espada negra, coa que corpo a corpo matou dous valentes diante do señor Felipe IV no Retiro. Como todo é notorio e vírono executar moitos homes a quen recordo oílo dicir moitas veces. Morreu don Luís de habérselle gangrenado unha perna e cortándolla na Cidade Imperial Cabeza do Perú no ano 1659...”

“Morta dona Inés de Ribadeneira no Convento de San Paio como queda visto e soterrada nel como está, e no coro baixo que despois fixeron coa Igrexa as monxas no ano de 1706”.

 O biógrafo de don Luís de Sotomayor, o seu neto don Luís Tirso Pimentel de Sotomayor, quixo deixar claro que reprobaba dita tentativa de crime a dona Inés e o detestable comportamento de don Luís coa súa dona, concluíndo que... “coidásemos da fama que era máis preciosa que a riqueza, pero don Luís procedeu con aquel empuxe levado dalgunha mala paixón de anoxo a dona Inés, por ser unha persoa inxenua como aldeá e menos aseada do que conviña ó seu estado, caridade e condición, dun marido nado e criado en Castela de gran punto, e instruído nos hábitos do gusto pola natureza e crianza, e esta inxustiza do ánimo fíxolle o auto máis culpable ante o tribunal inenarrable da Divina Providencia”.

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2019]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: