Heroes e heroínas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Brancaflor, a filla do demo
Desde hoxe e ata as vésperas da celebración da XI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que terá lugar en Lugo o sábado, 27 de outubro, aproveito a oportunidade que me brinda El Progreso para contarlles algunhas historias do papel que se lles atribúe ás mulleres nos distintos xéneros de literatura popular, pois diso trata a xornada que responde ao título “O rol da muller na literatura de tradición oral”.
É obvio que na inmensa maioría dos textos populares de transmisión oral (sexan chistes, refráns, apólogos, fábulas, contos de costumes, romances, coplas ou lendas) prevalece a misoxinia. Tamén sucede, como é ben sabido, nos textos de difusión impresa chamados cultos.
Temos na memoria moitos exemplos que non imos reproducir, que evidencian a contumaz perpetuación dunha ideoloxía inequivocamente machista. Ideas que aínda persisten como se fosen cancros sen remedio, doutrina indiscutible, dogma incontestable ou prédica sagrada.
Esta xornada está deseñada para que as relatoras, todas mulleres, analicen e revisen as razóns polas que aínda ten tanta vixencia esta literatura misóxina, detectar cales son as funcións reais que se lle atribúen á muller, pois, mentres se sigan reproducindo, estes relatos non fan máis que constatar unha realidade social machista.
Mais tamén existen na nosa tradición oral personaxes femininos en relatos de corte mítico ou lendario (moi afastados dos de mulleres de carne e óso sempre submisas) que nos falan da deusa ou semideusa, mulleres poderosas pero tamén violentas e rebeldes, ás veces castradoras e malvadas, incluso salvaxes, como poden ser os casos da Orcavella, María Castaña, Pepa a Loba, a Raíña Lupa e, en xeral, todas as bruxas ou meigas.
Unha destas mulleres é Brancaflor, a protagonista dun dos contos máis engaiolantes que se poden ler ou escoitar aínda hoxe en día. A historia é longa, rechea de episodios máxicos, e conta como a filla máis nova do demo, de nome Brancaflor, Flor, Flora ou Sol nalgunhas versións, se namora e por tanto, grazas aos seus poderes máxicos, axuda e libera da condena ao Inferno a un humilde mozo mortal. Na prehistoria deste conto que chega aínda fresco aos nosos días están Medea, a neta do sol, e Xasón; ou sexa, o mito grego do Cordeiro (Vellocino) de ouro.
Quen xa lese ou escoitase este relato lembrará as probas que ten que superar o mozo como a de recuperar un anel do fondo do mar (episodio que esixe tallar en anacos o corpo da heroína sen perder unha soa gota de sangue). E viranlle á mente os veloces cabalos da Luz, do Vento e do Pensamento que axudan no regreso ao mundo dos vivos aos dous protagonistas, perseguidos sen respiro polo propio demo e, sobre todo, pola súa muller, a dema, esposa autoritaria e nai desapiadada. O conto, antes do remate, presenta un dilema provocado polo esquecemento como soe suceder cando se regresa dos mundos do Máis Alá.
Non teñan medo. Os contos cóntanse para darnos confianza; por iso teñen, ou deberan ter, un esperanzador final feliz.
©Antonio Reigosa
Publicado en El Progreso (3 de outubro de 2018)
+ info sobre a XI XORNADA DE LITERATURA ORAL