Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

Un anarquista en Viladicente

Andabamos a deambular polo cemiterio que se desenvolve ao redor do templo de Viladicente, concello de As Nogais (Lugo), cando ao pouco acercóusenos un veciño, o señor Ramón, que axiña se prestou a actuar como cicerone. Non sabemos a conto de que, pero do primeiro que nos falou foi da Guerra Civil e da Postguerra, dos represaliados e das represaliadas polo fascismo que houbo na parroquia. Para ilustrar as súas explicacións mostrounos unha lápida de mármore gravada co nome de Gonzalo Becerra Souto, morto o día 12 de febreiro de 1976, aos 66 anos.

Reparamos no epitafio: “Escondido en casa de Chao desde agosto de 1936 hasta el día de su muerte. Perseguido por sus ideas políticas”. Transcorría o mes de agosto de 1936 cando a nai de Gonzalo, que estaba a segar nunha finca, viu a uns militares e falanxistas entrando en Viladicente para reclutar mozos para a fronte. Sen pensalo dúas veces, díxolle ao seu fillo pequeno, Ovidio, que estaba con ela, que avisara aos seus irmáns, Gonzalo e Manuel Antonio. Polos pelos, conseguiron fuxir. Pero, en vez de marchar lonxe da aldea, decidiron voltar para a casa. Os dous irmáns fixeron unha pequena cova nun sitio onde se almacenaba a palla e no que había que entrar de costas para poder saír de cara.

A mediados dos anos 50 Ovidio emigrou para Madrid onde fundou unha empresa de transportes. Ao pouco tempo presentouse alí Manuel Antonio quen, cunha partida de nacemento falsa, comezou vendendo aparatos de radio. Pero Gonzalo non quixo abandonar a aldea. Durante anos conseguiu esquivar as redadas periódicas que a garda civil facía en Viladicente para apreixalo. O seu pai pagou con cárcere o silencio. A pesares do indulto decretado anos despois por Franco para as persoas que non tiñan as mans “manchadas de sangue”, Gonzalo, que antes da guerra fora canteiro en Francia e militante da CNT tras a súa experiencia baixando carbón de Fabero a Ponferrada, en plena revolución de Asturias no 1934, non quixo saber nada da piedade do ditador. Todo o mundo en Viladicente sabía que na aldea había un fuxido que só saía de noite, mais, a pesar das presións e ameazas a que foron sometidos, ninguén o denunciou.

[Texto remitido por Xabier Moure Salgado. Xuño de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: