Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

A historia de Pepa, a Loba, contada por unha anciá nos montes de ValdaPorca

X. Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 29.I.1931 – A Coruña, 16.XII.2015) publicaba en “La Noche” (18.09.1954) un interesante artigo titulado  “La historia de Pepa a Loba contada por una anciana en los montes de Valdaporca”, que é transcrición do que, segundo o autor, lle referiu a súa informante.

No orixinal, en castelán; como se pode comprobar na imaxe que anexamos, figura esta dedicatoria: A Esperancita, que tambien  me contó una historia de Pepa Loba.

****

«De Pepa Loba, cóntanse en terras de Ramuín mil historias distintas. A versión que parece máis veraz e máis completa é a que me referiu unha velliña nos montes de Valdaporca.

—Pepa Loba —di a simpática vella— era filla do pecado como moitas outras mulleres desgraciadas que houbo. Non se sabe certamente de onde era. Uns din que era de barras de Miño e outros que de Xunqueira … Quedou orfa de nena (orfa de nai, pois o pai nunca se soubo quen era) quedando baixo a tutela dun tío carniceiro que ao parecer era ladrón. Con este tío comezou a roubar e a facerse cruel. Contan que se alimentaba de sangue, por iso medrou tan axiña. Aos dezaseis anos tivo un fillo e púxolle un pé no pescozo, e logo botoullo aos cans. Era moi mala. Por iso lle puxeron os mesmos homes da cuadrilla de bandoleiros que xa de moza mandaba, Pepa Loba. Din que cando os seus homes regresaban de cometer algún atraco, non lles preguntaba se traian cartos, senón se traian sangue …

A vella fiaba na roca lá das súas ovellas. De cando en cando alzaba os ollos para ver as súas vacas.

—Nas feiras —continúa a fiadora— soía bailar para chamar a atención dos homes. Era moi boa moza. Mentres bailaba descarada e deshonestamente, os seus homes  roubaban aos inocentes admiradores. Prender nunca a prendían. Facíalles o amor aos gandeiros e logo levábaos enganados ata onde estaban os da súa cuadrilla. E desvalixábanos. Bailar bailaba onde non a coñecían. Onde a coñecían entraba con cautela ou mandaba aos seus homes … Ás veces vestía de mendiga e entraba nas casas: facíase pasar por home, por cura … Nunca a daban pillado … A miña avoa dicía que a coñecera en Maceda. Tiña moita forza. Entraba nas aldeas montada nun cabalo negro coa fronte branca. Corría coma u raio … Aquí tiña un escondedoiro. Aí en Valdaporca. Bo sitio ese para ladróns. Poucos eran os días que por estes camiños da serra non aparecese algún morto. Antes por aquí había moitas cruces. Aínda hai algunhas …. Algúns cren que por aquí cerca están agachadas grandes cantidades de cartos que lle pertenceron. Pero quen sabe de verdade todo isto!

Cerca de Valdaporca hai unha pena chamada “A mesa”; alí era onde os seus homes facían o reparto. E cerca de aquí hai outra pena labrada en forma de taza chamada “O pilón”, que era onde sangraban aos que mataban.

As vacas, ao pacer, repenicaban as campaíñas. O vento do Sur pasaba furioso e violento polos cumes. A vella prosigue:

—Tamén en Valdaporca, á esquerda do camiño que vai á Cabeza de Meda por Cortecadela e “Rebordondo” existe un lugar chamado “A tapada do cemiterio”, onde enterraban aos que asasinaban para roubar. Neste sitio hai dúas lousas paralelas; parecen sepulturas.Din ser as tumbas onde están enterrados dous arrieiros, que transportaban en mulas o viño desde Os Peares ata Maceda, e aos que deron morte os homes de Pepa Loba …

—Ela, despois de ser mala, era boa.Teño oído dicir máis dunha vez que aos pobres non os roubaba; ao contrario, que incluso lles daba … Foi o bandoleiro máis famoso que houbo por aquí; aínda o é hoxe … Non quixo casar. Contan que dicía: “Nunca quixen nin quererei, e cando queira morrerei”. E foi. Parece ser que na cuadrilla andaba un mozo novo que logrou conquistala. O tío de Pepa Loba, queríaa só para el,  e por iso a matou a traizón. Cara a cara poucos homes lle podían. Matouna cando viñan de Monforte,aí polas fragas do Sil, onde tamén se escondían. Os homes volvíanse tolos por ela, a pesar de que manexaba as armas como un verdadeiro demo. Cando morreu desfíxose a “gavilla”. Dela cóntanse moitas cousas. Din que cando lle gustaba moito un home ou se namoraba del que o mataba. Non quería ser dominada por ninguén. E aos homes tíñalles rabia porque era filla de solteira … Cantas cousas sen xeito nin fundamento teño escoitado eu de Pepa Loba! De moitas, nin me acordo. Claro, un vai tan vello xa …

Desta maneira concluíu a bondadosa vella a historia de Pepa Loba. Verdade? Mentira? Vaian vostedes saber!

J. Fernández Ferreiro

Espartedo, setembro de 1954

 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: