Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

Abelardo de Berredo

…. E non fai falla mais presentación. Dicimos iso xa que non hai persoa maior de cincuenta anos que, nestas comarcas do interior de Galicia (Deza, a Ulloa, Terras de Melide e Arzúa) non oísen falar del, pois era todo un cerebro privilexiado para cálculos e exercicios memorísticos.

Abelardo era un home moi peculiar que vivía en Berredo (Agolada), nunhas condicións de indixencia e cun acusado síndrome de Dióxenes. Acostumaba a levar postas tres ou catro chaquetas, unas por riba doutras, e sobre elas unha zamarra, en cuxos petos podía haber de todo, dende cartos ata alimentos. Sobre a cabeza levaba algún pucho ou gorra, e soia levar unha vara na man, que non adoitaba apoiar no chan. Como rasgo físico máis característico é que tiña o rostro cheo de espullas, que non impedía que se puidese afeitar, sen cortarse.

Nesta descrición semella que so queremos presentar as súas miserias, pero o motivo deste relato é destacar o seu “talento” e capacidade maiúscula para os exercicios mentais.

Abelardo ía de festa en festa e de feira en feira polas vilas e aldeas destas comarcas centrais, e cando alguén se dirixía a el, era capaz de calcular cantos días, horas e minutos levaba vivido, con só dicirlle a súa data  e  hora aproximada de nacemento. Facía ese cálculo en cuestión de segundos. Incluso era capaz de pasalos a segundos cando se lle preguntaba, cunha rapidez asombrosa (que a calquera lle custaría facelo incluso cunha calculadora na man). Tamén tiña un don destacado para lembrar en que día da semana caera tal festa ou tal outra , se fora un xoves ou un martes... incluso en anos moi alonxados no tempo.

A cambio do seu cálculo ou das súas respostas a xente lle daba unha esmola ou comida, e el a cambio amosaba un aceno despreocupado ou mesmo severo, e nunca daba as gracias polo recibido.

Temos lido algúns artigos sobre Abelardo, nos que se destaca o seu talento prodixioso, e mesmo se chega a asegurar que sen saber ler nin escribir, repartía o correo entre os veciños da súa parroquia, e xamais se equivocaba no reparto.

Nunha ocasión  cando era cativo, aló polos anos setenta, aconteceume que estando cos meus pais nunha feira, achegámonos xunto a Abelardo para que nos fixera un dos seus cálculos, como acostumaba a facer o resto da xente, e despois de axustar os nosos días, horas e minutos vividos, rematou a conversa cunha frase moi clarividente respecto a min:

Este neno ten os ollos moi abertos.... Vai ser un home moi importante na vida”, para de seguido concluír cun parco “ou non”.

Esta conclusión categórica respecto ó meu porvir, debeunos impactar en boa medida, xa que frecuentemente lembramos esta cita en conversas familiares. Se cadra chegará o momento no que me converta nunha persoa importante, porque aínda debo estar ancorado nese “ou non”.

Vemos por tanto que tamén traballaba os asuntos das adiviñacións, que dun xeito ou doutro atinaba, pois as súas verbas non deixaban lugar a erro, pois incluía nas súas predicións as diferentes variables posibles.

Ata hai poucos anos, nun bar da zona dos viños de Melide, coñecido como “O noso bar”, e que actualmente xa non existe como tal, había nas súas paredes fotos de “personaxes” moi pintorescas da zona. Entre eles figuraba o retrato de Abelardo de Berredo, xunto a outras figuras inesquecibles dos  que trataremos noutra ocasión.

Como conclusión só queremos indicar a nosa admiración por unha mente tan lúcida e privilexiada como a de Abelardo de Berredo, un home que non recibira escola, e que non sabía ler pero que non lle impedía realizar operacións matemáticas imposibles para mentes cultivadas. Hoxe en día, a pesar do pouco que parecen impactar este tipo de  fenómenos, posiblemente seguiría asombrando, e convertiríase en “trending topic”, nese mundo virtual que tanto absorbe.

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Xullo de 2015]

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

este SEÑOR comeu na miña casa oitos anos e coidaronno miña nai e miña madriña podo che decir que todo iso e certo e moito máis,farían falla moitas páxinas para dar a coñecer ABELARDO a xente.Noraboa por esta pequena homenaxe a esa boa persoa a que NA MIÑA FAMILIA RECORDAREMOS SEMPRE igual ca se fose un máis do noso sangue.

Enviado por martin o 28/09/2015 ás 1:21:56


Enviar comentario a este artigo: