Actualizado en data 22/07/2019

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Heroes e heroínas

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Roldán e as costureiras de Puxares

Foto: Mª Carmen Carril Braga

Dos Doce Pares de Francia, Roldán foi un dos máis sonados paladíns enviados a Galicia por Carlomagno para axudarlle ao apóstolo Santiago a liberala dos mouros; por veces chamáselle don Roldán e ata San Roldán noutros casos, e pode ocupar, segundo que versións leamos desta lenda, o papel de vilán ou o do heroe.
En Puxares, parroquia de Vilanuide, concello de Quiroga (Lugo), vivían tres costureiras moi ben feitas nun outeiro apartado do resto do lugar. Cadrou que pasou Roldán polo lugar e viunas, e desde entón non houbo día que non as fose visitar.
As tres mozas comezaron a aborrecer aquelas visitas, non confiaban nas boas intencións do cabaleiro pero cando Roldán lles propuxo levalas canda el para Francia, respondéronlle que non. Roldán seguía porfiando, e elas dicíndolle que non querían ir para Francia nin para outro lado. Pero Roldán, anoxado pola negativa, mesmo as ameazou con levalas pola forza. Entón as tres mozas, non vendo a maneira de convencelo, dixéronlle un imposible:
—Temos de ir contigo ás Francias
cando veña o río Xares
por diante da nosa casa.
Pasou a noite, e ninguén sabe como foi, o caso é que o río Xares, que máis abaixo se chama Bibei, cambiou o curso. E, pola mañanciña do día seguinte, os veciños chegaron á porta das tres costureiras dicindo:
—Costureiras de Puxares,
vinde lavar as perniñas
ás augas do río Xares.
As tres mozas saíron da casa e palideceron; o río Xares pasaba bicando a porta do lugar de Puxares.
As tres costureiras, por medo a ter que cumprir con Roldán, fuxiron camiño de Valdeorras. Roldán sóuboo por boca dos seus soldados, montou no seu cabalo branco e perseguiunas. Cruzaron terras e montes por onde agora se chama A Rúa ata chegaren a Valencia do Sil, mesmo á beira do río que lle dá nome a este lugar.
As tres mozas, non se sabe a arte que usaron, cruzaron o río para o outro lado. Roldán viunas desde lonxe, aínda estaba a moita distancia delas; entón picou as esporas do seu roán e dun chimpo pasou a outro lado do río. Para quen queira velas, andan por alí as pegadas das ferraduras do cabalo.
Entón foi cando as costureiras, as tres a unha, pediron a axuda do demo:
—Antes pedras de seixo ca escravas de Roldán.
E o demo atendeu a súa petición e volveunas, diante os fociños de Roldán, pedras; tres brancas pedras coma tres cabezos, brancas coma o cuarzo ou coma o cabalo do cabaleiro Roldán.
E esas tres pedras aínda hoxe se poden ver, no Coto do Castelo de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), luídas pola chuvia e polo vento, pero albíscase na súa feitura a que debeu ser a beleza e a fermosura das mozas de Puxares antes de coñecer a Roldán.

© Galicia Encantada
_____________________________

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: