Heroes e heroínas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
As Burgas
Tres lendas circulan ao redor das Burgas. A primeira considera que as Burgas naceron dun volcán en repouso situado no lugar de Montealegre, monte próximo á cidade, que en calquera momento pode estoupar.
A segunda lenda di que a persoa que meta as mans nas súas fontes casarase cun ourensán.
A terceira lenda é a mais estendida. Di que o manancial procede da Capela do Santo Cristo da Catedral, de aí as súas propiedades curativas.
O que está claro é que as Burgas son un importante reclamo turístico para Ourense e representan o principal motivo de existencia desta cidade. Foron declaradas Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975. Como dato curioso, podemos comentar que antigamente as aldeás usaban a fonte para escaldar os polos e quitarlles as plumas dunha maneira máis sinxela.
A orixe do nome das Burgas tampouco está moi claro, para algúns autores procede do celta "beru", que quere dicir "quente". Pero a etimoloxía máis aceptada e a súa procedencia do latín "burca", que quere dicir "pía" en alusión aos baños utilizados polos romanos como balnearios. A Burga de Abaixo, foi construída a mediados do século XIX, é a que leva máis caudal. Consta de tres corpos, cada un co seu cano. Con menos nivel de auga, está a Burga de Arriba, do século XVII, de dous canos e estrutura simple. Completan o conxunto a réplica de 4 aras romanas, un pequeno estanque de auga termal e dúas esculturas: "A Casa da Nube" e 'Calpurnia Abana', dedicada á ninfa Calpurnia.
[Enviado por Marghó o 05/05/2008]
Lamas Carvajal no seu libro Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos d´a terriña, Tomo I, Imprenta d´O Eco d´Ourense, 1887,ten un relato titulado Os Graxos d´A Burga.
Conta que a historia comeza no 1834, cando botaron ós frades dos conventos, e dous orfos sen oficio nin beneficio, procedentes dun deles, fóronse acubillar ao quente entre a chamada Burga de Arriba e a de Abaixo. Ao pouco todos os vagamundos de Ourense , moitos "fillos de familia" e nugallás tiñan alí o seu centro de operacións chamado "O Casino d´a Burga".
Os primeiros, que trazaron, dirixiron e fixeron as obras foron O Mourón, O Pachete, O Portela, O Redes, O Carruxo, o Oso e O Cancheiro."Eran sete com´os sábeos de Grecia".
Alí todo era de todos. Ata a roupa, coa que se tiñan que turnar cando querían ir "apañar" algo que levar á boca ou cando ían ás arrasadeiras.
A súa mala sona correu por Galicia adiante e seica a xente desconfiaba de calquera ourensán non fora ser que fora un dos Graxos.
[Enviado por Hixinio Castillo o 13/01/2010]
A man amputada nas Burgas
No convento de San Francisco de Ourense custodiábase unha man que pertencera a unha muller que a perdera na fonte das Burgas por ir lavar a roupa alí o día de San Antonio. A muller, sen reparar no día santo que era, seica dixo:
—¡San Antonio non me vén lavar a roupa!
E por aquela soberbia quedou sen a man.
As Burgas sobre o Inferno
Das coñecidísimas Burgas de Ourense, famosas surxencias de augas termais aproveitadas desde tempos inmemoriais, dáse a explicación de que a auga poda saír tan quente porque Ourense está enriba dun volcán ou do Inferno, e que algún día estoupará levando a cidade por diante, e a todos canda o Demo.
[Texto remitido por Jerónimo de Vicente de Vicente, Ourense]
BIBLIOGRAFÍA