Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Flora

CATEGORÍAS RELACIONADAS

[Ditos e refráns dos cogomelos]Os choupíns

O choupin é un cogomelo do xénero diferenciado na família Lepiotaceae Macrolepiota tendo como xustificación primordial o tamaño das especies nel comprendidas. Os seus sombreiros (ou puchos) son escamados e mamelón central, con láminas de cores branquecinas e libres. O pé, frecuentemente bulboso, con aneis dobres ou sinxelos que se desprazan e nalgúns casos desaparecen.
O tamaño dos cogomelos deste xénero levou a crer na media verdade de que todas son comestibles. Se é certo que son excelentes comestibles a Macrolepiota Proceira e Macrolepiota Rhacodes, e tamén que as Lepiotas de pouco tamaño poden ser moi perigosas, mesmo mortais, pero non entran dentro das Macrolepiotas.
A máis pequena destas é a Macrolepiota Phaeodisca que acada os 11 cm. de diámetro e non é tóxica. Pero non todas son comestibles, hai variedades da citada Macrolepiota Rhacodes, a Veneneta e a Bohemica, que producen transtornos gastrointestinais severos. O tamaño máis curto do pé e a forma das escamas do sombreiro diferéncianas da Macrolepiota Veneneta, case se forma unha única escama en forma de estrela, e na Macrolepiota Bohemica, moito máis escasas e menos profundas que na Macrolepiota Rhacodes.
A Macrolepiota Procera (Choupin, Cogordo, Palotes, Zarrota, Monxo..., é o cogomelo que máis nomes ten en galego, supera os cincuenta ), é o fungo máis popular e a máis buscada en Valdeorras, en Trives e O Bolo. Cando se atopa un cántase en toda a Ribeira do Sil:
“Choupín, choupiñeiro, dime ónde está o teu compañeiro”
Xa cando o Sil verte as augas no Miño, o cantar muda e di:
“Zarrota, zarroteira, dime ónde está a túa compañeira”
Antes de comezar a usar productos químicos e herbicidas nos viñedos, atopábanse con moita facilidade estes cogomelos; cando se vía un supoñíase que moi preto estarían as súas compañeiras.
“Os palotes do rebusco teñen dobre gusto”
Este dito refírese a que uns días despois das vendimas se permitía a quen quixera fose rebuscar as uvas que quedaban nas viñas e se, ademais das uvas, atopaban palotes a satisfacción era dobre.
A Macrolepiota Procera e outras máis de tamaño grande, cando aínda están pechadas chámanse “Palotes”; se comezan a abrir “Monxos”. E se xa abriron, dise:
“O Monxe xa dixo a misa”, e aínda vale para comer.
Cando din:
“Fungo funil, nin pa ti, nin pa min”, este dito referido aos Choupíns quere dicir que xa están pasados e toman a forma dun funil. Aínda que, ollo, temos cogomelos que xa nacen en forma de funil e son comestibles.
“Sete nun pé, choupínn malo é”
A Macrolepiota Rachodes, variante Boemica, Macrolepiota Rachodes, variante Venenata, aínda que algo tóxicas, creo que se lles produce a súa toxicidade por xurros ou productos en descomposición en hábitats moi determinados.
“Chupín pequeno, fol de veneno”
Os choupíns pequenos, Lepiota Brunneoincarnata, son moi velenosos ou tóxicos. Semellan unha Macrolepiota Procera, pero en pequeno, sen sobrepasar os 8 cm. de altura. A súa carne vólvese roxiza ao cortala. A súa intoxicación provoca síntomas semellantes aos da Amanita phalloides.
Este fungo foi o causante de varias intoxicacións mortais; foran recollidos nuns xardíns públicos.
Hai que ter moito cuidado de non apañar nunca as especies de Lepiota de tamaño pequeno, das que, por certo, temos moitas en Galicia.

[Texto e foto achegados por Cristovo Ruíz Leivas]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: