Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 048: As castañas e as ánimas

A castaña forma parte da nosa mitoloxía popular tradicional asociada a crenzas vencelladas, sobre todo, coas ánimas e coa morte.

As castañas representan ánimas. Cando estoura algunha no lume do magosto anuncia que se liberou unha ánima do Purgatorio. No Cebreiro, segundo X. Moure, cren o mesmo e van de porta en porta na noite de Santos comendo castañas pois por cada unha que se come queda unha ánima purgada.

As castañas empréganse como amuletos. Considéranse preventivas das almorrás, o reumatismo e a tiña, da envexa e o mal de ollo. As castañas de indias, froito parecido pero de árbore diferente, tamén son profilácticas pero se as comen as crianzas, deixan de medrar e quedan ananas.

A castañas cocidas sen quitarlles a casca nin a pel chámanse mamotas. Lévanas os nenos, xeralmente ensartadas formando rosarios que se denominan zonchos.

A castaña, asegura Gubernatis, é un froito funerario e as mulleres pobres que as reclaman cantando para comelas representan as ánimas famentas.

Do Chinchaollo, trasno vingativo inventado por Cunqueiro que dorme nos orizos baleiros, falaremos outro día.

«⇔»

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 5 de novembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: