Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Doenzas e remedios: belidas, dicipela, vultos e tosferina

Para curar a belida (como unha tea que se pon no ollo, pica moito e non deixa ver).

 Coller 9 grans de trigo. Despois, un por un, había que ir facendo unha cruz con el no ollo e dicindo unha bendición (que non recorda). Feita a cruz e a bendición, metíanse os grans en auga e saíalles como un globiño que quedaba apegado nunha punta do gran. Rematada a cura, non se podían tirar os grans onde puidese picalos calquera animal, porque podían pillar eles o mal.

Para curar a dicipela ou decipela (infección cutánea)

Facer un ramo con uz branca, ortigas e sabugo (collido a mañá de San Xoán). Pasalo pola parte do corpo afectada e dicir unha bendición ou rezo (tampouco o recorda).

Para curar vultos na pel

Buscar un ovo de pita negra. Ir ao San Benito (San Pedro de Mera, Friol…). Fregar o ovo contra o santo e, despois, pasalo polo vulto. Ao pouco tempo, desaparece.

Para o tosferina

Pedirlle a un muiñeiro que pille un rato que vai á fariña. Esfolar o rato antes de que estea morto de todo. Cocelo en auga. Botarlle mel ou azucre á auga e bebela.

Flora Luaces, a informante, e unha irmá padeceron esta doenza e aplicando este remedio, curaron.

[Información de Toño Núñez, segundo testemuño de Flora Luaces Vázquez, de Vilaestévez, San Xoán de Alto (Lugo). Lugo, novembro de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Miña aboa sacaba as velidas con granos de trigo ( non recordo cantos. Facía Unha cruz por enriba do ollo e rezaba algo así coma : Que Deus e a Virxe María saquen dos teus ollos esta belida. E rezaba Unha Avemaría. Toda a xente dicia que lle pasaba.
" A señora Elvira sanda as belidas"

Enviado por Modesta o 30/01/2023 ás 22:41:21


Enviar comentario a este artigo: