Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Flora

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Xaquín das Herbas

O home chamado Xaquín ou Xoquín das Herbas viviu entre a arboreda  da fraga das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) entre os anos 1936 e o inverno de 1958, que foi cando morreu.

Ninguén sabe de onde viña (uns dicían que de Pontevedra, outros que de Lugo) nin o motivo certo polo que chegou ás Pontes.  Existe a opinión de que era anarquista, canteiro de profesión (deixou algunha obra onde amosa a súa mestría neste oficio), e que debeu chegar alí escapando da represión franquista.

Din que era tímido e que non falaba pero que lía moito. Nunca pediu para comer. Mantíñase do que recollía polo monte: froitas, follas, raíces, insectos …, só ao final da vida, vello e débil, aceptaba o pan que lle daban. Parece que botou algunha man nos labores agrícolas, e que entendía de apócemas e herbas curadoras.

Confeccionaba a súa vestimenta como podía, parece que de preferencia roupa militar atada con cordas ou feita con peles, e sempre levaba postas unhas polainas.

A súa morada principal nos últimos anos de vida foi o carballo centenario que aínda existe nas proximidades da ponte romana, a carón do río Eume. Esta árbore, que foi ferida por un raio, é hoxe un símbolo do existir deste personaxe singular.Aínda que nos primeiros tempos non falaba con ninguén, co tempo a xente colleulle cariño e el deixouse querer.Cando morreu organizouse unha colecta para atender aos gastos e case todo o mundo colaborou; todos, agás o cura, que cobrou a  misa do funeral.

Xaquín das Herbas forma parte da memoria e do imaxinario das Pontes. Protagoniza coplas, cancións e cadros co seu retrato, e mesmo é de referencia para os roteiros turísticos. O concello púxolle o seu nome a unha das rúas da vila. O grupo “Estimaba que viñeras” dedicoulle unha canción.

 

 

 

 

 

 

Esta última fotografía é xentileza de Marga Pernas Pernas, natural do concello das Pontes.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: