Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Flora

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Que sabemos das abrulas (estraloques, dedaleiras...)?

A abrula (Digitalis purpurea) é probablemente a planta con máis nomes en galego (supera os 60). Velaí algúns deles polos que, ademais de abrula e estralotes que son os máis común, é coñecida esta planta:

abelloca, abeloira, abeloura, abrulla, alcornoz, alcroque, alcroque, alicroque, aveluria, babocas, balocos, belitroque, beloura, bilincrocas, bilintroques, bilitroques, borleta, botexo, botexo, chopo, chopo negro, cloques, cocos, crócalos, crocas, croquele, croques, croques de cego, dedaleiras, digital, dixital, estalos, estalotes, estoupallo, estoupón, estouróns, estralantes, estraleques, estraloques, estralotes, estrincón, estrincón, estoupallo, estroupallón, folla do sapo, herba da cobra, herba de san xoán, herba dos troques, lunas da nosa señora, malicloclas, melicroque, milicroques, militroque, palitroques, porreta, san xoane, sanxoáns, sapaqueiro, seoane, soandes, tróqueles, troques, tumbaretes, uvas de Santa María, uvas de Nosa Señora, xoane ..

Algúns dos nomes teñen que ver co estraloque ou estourido que se provoca ao comprimir o extremo da flor ou campánula e premer para que faga “cloc”. En castelán e noutras linguas conta así mesmo con moitas denominacións. En inglés,lingua na que tamén se nomea de varias maneiras, dinlle foxglove (luva de raposo), e fairyfingers (dedos de fada), en alusión á forma das flores, e en Irlanda dead man’s thimbles (dedal de morto). Tamén existe a crenza de que o raposo as calza para entrar sixiloso nos galiñeiros. É tóxica. Usouse e úsase como medicamento para afeccións do corazón e para tratar trastornos dos ouriños, e especialmente contra as mordeduras das víboras. Xa no s. XI, en Gales, se consideraba planta axeitada para combater os maleficios, pero non é ata 1542 cando se cataloga e identifica polo botánico alemán Leonhard Fuchs que lle pon Digitalis (do groso dun dedo). No século XVIII, William Withering descubriu os seus efectos beneficiosos sobre a saúde humana, que describe en An Account of the Foxglove and some of its Medical Uses (1785) . Aínda así, o uso libre e sen control das follas desta planta é moi perigoso e pouco recomendable pois tamén é a responsable de numerosas mortes.

Onde medra a abrula, bailaron as bruxas nas noites de lúa chea. Crese que escorrenta as bruxas e, en xeral, os males para que a casa e os seus ocupantes non sufran meigallos. É por iso polo que se soe poñer nas portas, ventás e buratos das casas na noite (23 de xuño) de San Xoán.

Lémbrome perfectamente; privilexio de vellos!, que despois da guerra, tan escaso e racionado que estaba o tabaco, que os avós da miña bisbara, maiormente eles, liaban os pitillos coas follas secas dos tróqueles, envoltas en papel de Jean. Como o seu principio é a “digitalina” que fai later o corazón, tomada en exceso, cántos daqueles vellos non anticiparían o transo! 

Xosé Mª Gómez Vilabella

E para rematar, por xentileza de Pepe de Noriega, vai este poema da autoría do mindoniense de Antonio Noriega Varela dedicado a Mª Clotilde Pulpeiro:

Pra esta María Clotilde,

xentil moza ribeirana,

frores, ¡oh abril!, máis daquelas

sinxeliñas, orballadas,

que na vila non solecen,

que as fidalgas n´agasallan,

daquelas tan modosiñas

que elixen a serra brava

pra estar pretiño do ceio,

lonxe, lonxe da estimanza...

E ben, María Clotilde,

lindísima ribeirana:

com´as froliñas brañegas

eu tamén son da montaña;

pro sinto nace-las herbas,

sei distinguir de rapazas...

Ti eres un sol si nos miras,

aloumiño, si nos falas,

brisa de abril, cando chuchas

ós nenos..., e pola gracia

do Bon Jesús, cotovía

rexoubadora, si cantas!...

Reina, ¡pola túa almiña,

non me condenes a ialma!,

non fuxas espavorida,

¡non me deixes coa grinalda

de purpúreas abruliñas

que están pingando a rosada! 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: