A pega e o raposo
Unha pega fixo un niño nun salgueiro, era delgado e cando sopraba o vento dobrábase para os lados. Tiña cinco pegos, un día pasou o raposo, viu o niño e dixolle á pega:
—Pega, tírame un pego!
—Non cho tiro —respondeu a pega.
—Rabo fungueiro, tira co salgueiro!
Mentres o raposo dicía esto dáballe co rabo no salgueiro, e este bregaba e chegaba preto do chan. A pega colleu medo e tiroulle un pego.
Ó dia seguinte, o raposo volveu e coa mesma operación conseguiu outro pego.
Chegou o día que só lle quedou un pego no niño.
A pega toda preocupada viu pasar unha garza e dixolle:
—Garza, o raposo comeume catro pegos —e explicoulle como facía o raposo para comerlle os pegos.
A garza contestolle:
—Non te preocupes, o salgueiro bregue pero non cae. Cando volva o raposo dislle: a ver se tes collós a tiralo.
Asi foi. Ó día seguinte volveu o raposo polo último pego:
—Pega, tirame un pego!
—Non cho tiro —contestou a pega
—Rabo fungueiro, tira co salgueiro!
—A ver se tes collós a tiralo!
—Ah! Xa sei quen cho dixo! A garza! —dixo o raposo, mentres marchaba sen conseguir o derradeiro pego.
Á tardiña o raposo viu a garza nunha lagoa e díxolle:
—Fuches ti quen falaches coa pega. Agora voute comer!
—Vale, pero primeiro tes que voar no meu requicho e imos dar un paseo —contestoulle a garza.
O raposo montou na garza e esta voou moi alto. E cando estaba enrriba dunhas penas soltou o raposo.
Mentres o raposo caía, dicía:
—Escapa pena que te facho, que se desta me salvo non quero máis voda no ceo!
Recompiladora: Sofía González Díaz, alumna de 3º de ESO no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), curso 2005—2006.
Informante: José González Díaz (75 anos).
Lugar e data de recollida: Sabenche, Barbadelo, Sarria (Lugo), maio de 2006.
Texto remitido por Fátima Moya Ortega, alumna de 3º de ESO no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), curso 2005—2006.
COMENTARIOS ENVIADOS
"Meu rabiño guiadeiro
guíame pra aquel palleiro
que se desta saio e non morro
ás festas ó ceo non volvo"