Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A peeira dos lobos

Falábamos nun artigo anterior (ver) de criaturas que botaron tempo vivindo entre lobos e poñíamos como exemplo o caso de Marcos Rodríguez Pantoja. Dedicabámoslle tamén unhas liñas á mitoloxía clásica sobre o asunto ‒Zeus e Rómulo e Remo– pero non dicíamos nada sobre o que conta a nosa mitoloxía popular sobre a licantropía, esa crenza ou trastorno mental que nos fai pensar que podemos, co que iso significa, transformarnos en lobos. Estes seres, por regra xeral, matan persoas, incluídos familiares próximos. O caso galego máis coñecido é o de Manuel Blanco Romasanta.

Tampouco falabamos dos homes e mulleres que por fada ‒sino, destino‒ ou maldición dos pais se transforman en lobos, nin dos corredores, do lobo da xente ou das peeiras ‒tamén hai peeiros‒ , mulleres que sen mudar a pelaxe humana conviven, guían, pastorean ou gobernan mandas enteiras de lobos.

Primeiramente debemos aclarar que a fada cáelle enriba a quen nace na Noite de Nadal ou na de Venres Santo, ou por ser o sétimo ou noveno fillo da mesma parella sen haber interpostos outros irmáns de distinto sexo. A fada poderíase evitar facendo de padriño ou madriña de bautizo o irmán ou irmá maior. A maldición do pai ou da nai é xeralmente consecuencia dun mal comportamento e abonda que o proxenitor diga: Oxalá te convertas en lobo ou loba! para que funcione. Esta situación pódese interromper se alguén lle fai sangue, preferentemente cunha vara de aguillada feita de acivro, a ser posible bendicida o Domingo de Ramos. É practicamente imposible cazalos. As balas non os feren; esváranlles polo corpo.

En todos os casos, o estado de lobo é temporal e intermitente, e dura, como máximo, sete anos. Soen transformarse polas noites mentres que polo día son persoas normais.

Os corredores só andan de noite. Despois de envorcallarse na cama dun lobo ou doutro animal transfórmanse nel e teñen que andar sete pontes, sete fontes e sete montes ou sete aldeas. Xeralmente, só corren as noites dos venres e ao amencer retíranse a descansar. Moi parecidos a estes corredores e aos lobishomes son os lobushomes, coa diferencia de que poden transformarse en calquera outro animal e para romperlles a fada hai que ferilos no lado esquerdo.

Caso ben diferente son as peeiras. Son mulleres mozas que manteñen a figura humana e conviven no monte cos lobos, comandándoos, atendéndoos nas súas necesidades e dirixindo as súas expedicións. A máis famosa foi Ana María García, La Llobera de Llanes, Asturias, que foi condenada pola Inquisición por bruxa e peeira, ademais de por promiscua e guapa, no século XVII.

As peeiras teñen a posibilidade de evitar ou de incitar os lobos para que maten ou non a determinadas persoas e para que ataquen ou non determinados rabaños. Abóndalles un asubío ou un coitelo para gobernalos. As peeiras tenden a evitar que os lobos causen desgracias entre os humanos, como norma mesmo os protexen, pero se algún home descobre o seu segredo e conta quen e onde anda a peeira dos lobos, está perdido. Axiña aparecerá o seu cadáver descarnado con mostras evidentes de ter servido de banquete aos verdadeiros lobos.

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 17 de xullo de 2023

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: