Fauna
O lobo amigo
Un día de arredor dos anos corenta do século pasado andaba un mozo co gando polo Chao da Arquela cando viu unha cría de lobo a carón da Pedreira da Arquela que está na divisoria das parroquias de Dorna, Quindous e Vilaver, no concello de Cervantes. O lobiño choraba esfameado a carón do corpo sen vida da súa nai.
Ao mozo apesarouno ver ao lobiño e durante varias semanas foino mantendo ás agachadas con leite das súas vacas.
Pasou o tempo e o lobo foise cos outros. Mais durante moito tempo, nos días das grandes nevaradas, baixaban as mandas de lobos ás portas das cortes e das casas buscando que comer pero ao gando daquel home nunca lle fixeron mal.
Ao contrario, pasaban de largo pois, ao parecer, á fronte do fatado ía aquel lobo que el alimentara.
BIBLIOGRAFÍA