Fauna
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 064: A misión maldita
A igrexa católica mantivo por moito tempo unhas actividades itinerantes que se chamaban misións. Consistían en convocar nun lugar un número grande de persoas para adoutrinalas. Cada misión duraba varios días e os predicadores eran habitualmente frades xesuítas ou franciscanos. Adoitaban deixar en recordo unha cruz e unha inscrición coa data.
A que se celebrou no Campo da Misión, en Cabreira, Salvaterra de Miño, tivo lugar en 1901 e deixou unha historia tráxica que se conta no libro Contos e lendas do Miño (2008). Predicaron dous xesuítas e acudiron milleiros de almas dunhas catorce parroquias de arredor.
Ao parecer, cando o crego comezou a esparexer auga bendicida para celebrar o rito do bautismo, cruzou por enriba da xente unha bandada de corvos grallando.
A concorrencia asustouse e esparexeuse espantada, a cerimonia interrompeuse e a maldición —quizais por quedar o lugar sen protección divina— caeu sobre o Campo da Misión.
Desde entón de noite andan polo lugar estrañas sombras, pasea a Estantiga e até se deixa ver polo unha muller espida que disque busca homes para levalos canda ela ao Alén.
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 27 de novembro de 2020.