Fauna
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 031: As pegas agoireiras
Considéranse aves ruíns. Aínda que hai varios tipos, todas teñen plumaxe negra e branca. O canto, desagradable, pode anunciar boas ou malas novas para quen o saiba interpretar. Os acenos son augurais: se moven o rabo arreo presaxian mala sorte e se andan salta que salta é sinal de boa sorte.
O peor é que agoiran a morte. Se voan enriba ou arredor da casa dun enfermo, se peteiran as contras ou os cristais dunha ventá anuncian o seu próximo final. Cando camiñan dúas pegas ou máis xuntas e fitan para un mesmo punto, anuncian unha morte nesa dirección.
No concello do Vicedo, segundo información de Xabier Moure, usan un dito que reflicte a súa capacidade para predicir: "Cara onde pon o rabo, deixa o recado".
Son ladroas consumadas e escollidas. Só rouban obxectos brillantes, xeralmente moedas e xoias de ouro ou prata que empetan no niño.
Entre as súas poucas calidades positivas, avisan perigos ás outras aves. Son domesticables, teñen sona de charlatanas, incluso poden aprender e imitar algunha palabra ou son musical.
Nos contos sempre as engana o raposo.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 13 de outubro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero