Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Avistamento dun polbo colosal na Coruña

               

O xornal “La Correspondencia de España “ do 25 de agosto de 1894 daba a noticia. Ás doce da mañá do día 20 pasado, todas as persoas que se atopaban na praia de Riazor da Coruña, especialmente no baño de homes, recibiron un susto maiúsculo pois uns creron que o vulto que flotaba sobre a superficie da auga era un cadáver, e outros, os máis timoratos, que se trataba dun tiburón.

Catorce homes, entre pescadores e bañistas, subiron a bordo dunha embarcación e foron tras do vulto que se movía. Cal non sería a sorpresa cando descubriron que se trataba dun polbo xigante en cuxo estómago cabían ben acomodadas dúas persoas.

Colocárono sobre dúas pancas grosas, das que se usaban para mover as casetas de baño e levárono ao areal, en fronte do local do Sportin-Club.

As dúas pancas partiron co peso do descomunal molusco que pesaba unhas 16 arrobas (entre 150 e 200 quilos).

Á media hora o polbo xa estaba cortado en anacos e vendido; o importe repartiuse entre os 14 capturadores.

O xornal remataba a información dicindo que “La verdad es, salvo todos los respetos, que hay pulpos que parecen canards”.

A noticia foi reproducida en numerosos xornais por toda a península. Algún incluso se lamentou de que non fose lura, pois así as autoridades obrigarían a conservar o monstro e as xeracións futuras poderían admiralo nalgún “establecimiento de enseñanza”. O concello, dise, non foi previsor nisto.

A ilustración corresponde “El Correo de Ultramar”, nº 479, 1862, onde se dá a noticia dun avistamento similar en Tenerife.

Canard: ademais de signficar “parrulo” en francés, tamén se usou como bulo, rumor, noticia falsa.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: