Fauna
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Doenzas e remedios: belidas, dicipela, vultos e tosferina
Para curar a belida (como unha tea que se pon no ollo, pica moito e non deixa ver).
Coller 9 grans de trigo. Despois, un por un, había que ir facendo unha cruz con el no ollo e dicindo unha bendición (que non recorda). Feita a cruz e a bendición, metíanse os grans en auga e saíalles como un globiño que quedaba apegado nunha punta do gran. Rematada a cura, non se podían tirar os grans onde puidese picalos calquera animal, porque podían pillar eles o mal.
Para curar a dicipela ou decipela (infección cutánea)
Facer un ramo con uz branca, ortigas e sabugo (collido a mañá de San Xoán). Pasalo pola parte do corpo afectada e dicir unha bendición ou rezo (tampouco o recorda).
Para curar vultos na pel
Buscar un ovo de pita negra. Ir ao San Benito (San Pedro de Mera, Friol…). Fregar o ovo contra o santo e, despois, pasalo polo vulto. Ao pouco tempo, desaparece.
Para o tosferina
Pedirlle a un muiñeiro que pille un rato que vai á fariña. Esfolar o rato antes de que estea morto de todo. Cocelo en auga. Botarlle mel ou azucre á auga e bebela.
Flora Luaces, a informante, e unha irmá padeceron esta doenza e aplicando este remedio, curaron.
[Información de Toño Núñez, segundo testemuño de Flora Luaces Vázquez, de Vilaestévez, San Xoán de Alto (Lugo). Lugo, novembro de 2016]
COMENTARIOS ENVIADOS
" A señora Elvira sanda as belidas"